DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora María Alonso publica un libro sobre este movemento da nova narrativa latinoamericana

O realismo brutal, onde a poética da violencia é primordial

Segundo a autora, pon de manifesto unha situación límite que se extrapola da realidade á ficción

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/07/2019

Sen autocensura, sen filtros, sen suavizar a realidade. O realismo brutal é tan real e tan cruel como o é a vida, como a realidade que quere transmitir e denunciar. Este movemento literario, propio da narrativa de Latinoamérica é o que analiza a profesora María Alonso, do Departamento de Literatura Española da Universidade de Vigo no libro Contra la violencia: el realismo brutal de la nueva narrativa latinoamericana, publicado pola editorial Pliegos. 

A propia autora explica que neste volume explora o “proceso de reconfiguración dunha sociedade que necesita dialogar cunha realidade brutal”. Trátase dun traballo que investiga “nas razóns e consecuencias da utilización do realismo brutal, onde a poética da violencia é primordial ao achegarse á nova produción literaria de América Latina”. Ao longo da súas 360 páxinas, e tras facer unha contextualización do estudo, o libro ofrece unha “estrutura tripartita para analizar o xeito no que se representa a violencia sistemática contra a muller, a violencia do narco e a violencia do sicarios a través da produción literaria” dos países do sur do continente americano. Alonso repasa obras de autores como Myriam Laurini, Roberto Bolaño, Selva Almada, Yuri Herrera, Juan Pablo Villalobos ou Jorge Franco e analiza como poñen de manifesto unha situación límite que se extrapola da realidade á ficción e que está a gozar dunha moi boa acollida por parte dos lectores e do mundo editorial.

Para María Alonso esta non é a primeira incursión no mundo da violencia na literatura, xa que na súa tese de doutoramento centrouse no realismo máximo, “que non é outra cousa que violencia disfrazada de fantasía épica”. Pero ese realismo máximo, explica a autora, desapareceu do panorama literario latinoamericano, o que a levou a interesarse por identificar as novas tendencias que existen na actualidade, como o realismo brutal. Lembra Alonso que Latinoamérica vive un novo boom literario e, de feito, é un dos lugares onde máis ten aumentado o número de lectores e lectoras. Neste contexto, o realismo brutal amósase como “un xeito de loitar, de denunciar a violencia e de ilustrar as ansiar de volta contra as inxustizas”. 

“Un reflexo da vida mesma”

A investigadora define o realismo brutal como “aquel, a través do cal, autoras e autores non se aplican a autocensura á hora de ilustrar a violencia que rodea aos personaxes que protagonizan os textos”. É un realismo “claro, conciso, sen filtros estéticos que poidan desvirtuar as escenas máis grotescas que xorden das violencias visibles e invisibles que existen na sociedade”. É, polo tanto, segundo Alonso, “un reflexo da vida mesma” e do compromiso dos escritores e escritoras para loitar contra estas violencias. Como relata a investigadora, “os textos de autoras e autores que motivan esta análise ofrecen unha visión rompedora da violencia que parece atafegar unha sociedade desilusionada, tanto coas institucións que deben garantir a súa seguridade como cos movementos alternativos que a mantén nunha posición subalterna contra a que parece imposible a revolta”.

A influencia da literatura indixenista

O volume comeza abordando a importancia que para autoras e autores de hoxe en día tivo a literatura indixenista, coa obra Huasipungo (1934) do ecuatoriano Jorge Icaza como máximo representante. Este ‘feísmo’, como o denominou a crítica literaria, foi reinterpretado a finais do século vinte por autores como Fernando Vallejo na súa obra La virgen de los sicarios (1994), Jorge Franco con Rosario Tijeras (1999) ou xa entrados neste século por Roberto Bolaño coa súa La parte de los crímenes da novela póstuma 2666 (2004). Segundo detalla María Alonso, “hoxe en día o realismo brutal impregnan as obras de autoras e autores como Selva Almada, Sergio González Rodríguez ou Myriam Laurini, que exploran nas súas novelas e ensaios o feminicidio e a violencia contra as mulleres; Élmer Mendoza, Juan Pablo Villalobos ou Yuri Herrera, grandes nomes da coñecida como narcoliteratura; ou Rafael Ramírez Heredia e Orfa Alarcón que, xunto co Vallejo e Franco, centran a súa carreira literaria na sicaresca”.  

No que se refire ás obras, a investigadora da Universidade de Vigo destaca novelas como Qué raro que me llame Guadalupe, Chicas muertas, Trabajos del reino, Fiesta en la madriguera, Perra brava ou La esquina de los ojos rojos, “que teñen un claro nexo en común: afrontan a violencia dun xeito valente xa que parecen estar dirixidos directamente ao asasino, ao corrupto, ao narco e ao sicario”. 

O realismo brutal e a novela negra

Ao falar de realismo brutal é case imposible non pensar na tradición narrativa da novela negra. Pero María Alonso puntualiza que, a pesar dalgunhas semellanzas e vínculos, “o xeito no que se trata o tema da violencia a través do uso do realismo brutal na narrativa do centro e sur do continente americano diferénciase doutras tradicións literarias por un feito obvio: a realidade latinoamericana”. É dicir, o crime é un “feito circunstancial” nos países precursores da novela negra, como os escandinavos ou Canadá, pero a situación en América Latina é radicalmente oposta, lembra a investigadora. “Secuestros, violacións, asasinatos, fosas comúns, corrupción, etc. son algúns dos males endémicos da América Latina actual e o tratamento que se da na literatura desta realidade é claramente único”, conclúe.