DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar este venres ás 20.00 horas no Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo

Un recital poético pecha en Pontevedra un ciclo dedicado a celebrar a diversidade da comunidade LGTBIAQ+

Coa participación de Jesús Castro, Andrea Nunes, María Rosendo e o músico Lois Búa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/10/2021

Sensibilizar e celebrar a diversidade da comunidade LGTBIAQ+ é o principal obxectivo do EventoIN (Internacional, Inclusiva, Investigadora) A UVigo celebra a diversidade, unha iniciativa da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, o Consello de Estudantes e o Consello Social da Universidade que este venres 15 desenvolverá o seu último acto no Teatro Principal. Trátase do recital poético In-Amor-Es, que contará coa participación dos poetas Jesús Castro, Andrea Nunes e María Rosendo, xunto coa música de Lois Búa, e que se suma ás diferentes actividades desenvolvidas nas últimas semanas en Vigo. Coordinadas polo doutorando Antonio Villanueva, estas xornadas abrangueron un ciclo de conferencias, unha mesa de traballo e un obradoiro e complétanse agora en Pontevedra cunha actividade programada para ás 20.00 horas, que contará con entrada libre ata completar aforo.

“O interese dun recital poético vén determinado pola compoñente emotiva dos nosos hábitos, pensamentos, reaccións..., polo que moitas veces comprender e recoñecer ao outro é máis fácil apeando á emoción”, salienta Villanueva, que incide nese senso na necesidade de “coñecer as emocións dos outros de primeira man e non dalas tanto por supostas”, a través dunha “escoita activa” que é posible “grazas á poesía, que ten un carácter subversivo”. Con ese obxectivo, o recital In-Amor-Es reunirá no Teatro Principal os poetas Jesús Castro Yañéz, premio Díaz Jácome en 2012 e Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé en 2015; Andrea Nunes Briones e María Rosendo Priego, recoñecidas ambas co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2017. O evento complétase coa participación do egresado da Facultade de Belas Artes Lois Búa, responsable de pór música a un recital no que, como sinala Villanueva, “as voces líricas e a música únense”, pero non co propósito de “amenizar a lectura, senón de dar cabida a outra voz máis, independente e pensada”.

Deste xeito, porase peche a unha actividade, pioneira en Galicia, que abriu a súa programación os días 28 e 29 de setembro na Facultade de Filoloxía e Tradución, coa mesa de traballo Teoría feminista e teoría queer e un obradoiro sobre linguaxe inclusiva, organizados pola docente Beatriz Suárez Briones. Posteriormente, 18 relatores e relatoras participaron, entre o 4 e 6 de outubro na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, nun ciclo de relatorios que afondou en cuestións que abranguían da regulación do trans, á biodiversidade e construción de identidades, pasando pola transexualidade e transxenerismo, a arte e diversidade ou a etnografía e identidade de xénero non binario.