DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vlad Darau e Pablo Fondo, premios ao mellor TFM en ciberseguridade e á mellor traxectoria académica

Recoñecemento do Colegio Oficial e da Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación a dous estudantes da Universidade de Vigo

Os investigadores de atlanTTic recibiron hoxe os galardóns 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 14/06/2019

A traxectoria académica de Pablo Fondo Ferreiro durante os seus estudos de grao e máster e o traballo fin de máster Temporal localization of videos based on massive ENF processing de Vlad Dragos Darau recibiron hoxe, nun acto celebrado en Madrid, o Premio Huawei á mellor traxectoria académica, e o Premio Airbus Secure Land Communications ao mellor traballo fin de máster en comunicacións seguras e ciberseguridade, respectivamente, que outorgan o Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) e a Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación (AEIT). Fondo, estudante do programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións e Dragos, ex alumno da EE de Telecomunicación e que actualmente traballa no Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, foron galardoados este mediodía na 39ª edición dos Premios a los Mejores Proyectos Fin de Carrera, Trabajos Fin de Máster, Tesis Doctorales y Mejores Trayectorias Académicas en Ingenería de Telecomunicación 2018 COIT-AEIT

“É un orgullo para min ser galardoado con este premio que recoñece o esforzo realizado durante toda a carreira. Tras realizar, tanto o grao, como o máster na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, o ámbito nacional do premio dálle un gran valor, sendo un recoñecemento á enxeñaría de telecomunicación en Galicia”, asegura Pablo Fondo, a quen o seu director de tese, Felipe Gil, animou a presentarse ao galardón do COIT-AEIT. Xunto a Fondo, que hoxe non puido asistir á entrega de premios, outros cinco estudantes doutras tantas universidades españolas e estranxeiras recibiron os galardóns á mellor traxectoria académica que recoñece a excelencia ata a finalización do mestrado en enxeñaría de telecomunicación. “En concreto o maior peso da valoración téñeno as cualificacións do expediente académico do grao e do mestrado, pero ademais das notas, outra parte importante da valoración son os méritos extraordinarios acadados, como premios, bolsas, publicacións, formación extracurricular, contratos, estancias no estranxeiro, etc.”, explica o estudante da EE de Telecomunicación, que percibirá polo premio Huawei á mellor traxectoria académica 1000 euros e un ano de subscrición ao COIT e a AEIT.  Neste intre Pablo Fondo está a cursar o programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións cunha bolsa da Fundación La Caixa, “grazas á que ademais de ser investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado en atlanTTic, tamén imparto docencia no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación”, explica.

Un premio froito do traballo en grupo 

Pola súa banda, Vlad Dragos Darau considera que o Premio Airbus Secure Land Communications ao mellor traballo fin de máster en comunicacións seguras e ciberseguridade que o COIT e a AEIT lle outorga “é unha excelente oportunidade para coñecer máis de preto, tanto o conxunto de empresas Airbus, unha marca de referencia para a UE no mundo, á vez que podería supoñer novas portas abertas a oportunidades no sector da enxeñaría aeroespacial, no que estou a traballar desde este ano”. Darau, que chegou á Universidade de Vigo no último ano de carreira como estudante de intercambio Erasmus + desde a Universitatea Politehnica de Timisoara (Romanía), incide en que no seu traballo de investigación, desenvolvido en atlanTTic, contou coas achegas dos seus compañeiros do grupo GPSC, polo que “o premio é o resultado dun traballo en grupo moi ben feito, e polo tanto, o premio é mérito de todos os que contribuíron a el e que merecen os créditos”, asegura.

O traballo fin de máster de Vlad Dragos Darau, dirixido polo catedrático Fernando Pérez, estuda a localización temporal dunha gravación de vídeo, é dicir, o momento no que se produciu a gravación, coa axuda do pestanexo da luz artificial. “Normalmente o pestanexo debera de ser constante, cunha frecuencia de 50 Hz en Europa, non obstante, en cada momento temporal, polas irregularidades no consumo de enerxía eléctrica hai variacións únicas que provocan a actuación diso como unha pegada que as cámaras captan”, explica o premiado, que considera que este traballo podería contribuír a incrementar a seguridade nas estradas ou para combater a pornografía infantil ou o terrorismo. O investigador percibirá 1000 euros e un diploma como galardón.