DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente da UVigo, galardoada co Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021

Un recoñecemento nacional “moi ilusionante” á solitaria vocación de Helena Cortés

O Ministerio de Cultura premia a tradución de 'El Diván de Oriente y Occidente' de Goethe

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/09/2021

“Que resulte premiada é, por suposto, algo marabilloso”, asegura Helena Cortés Gabaudán, Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe. “Foi unha grande alegría e supón un recoñecemento moi ilusionante a un labor bastante solitario de moitos anos”, explica a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo, que recoñece que a tradución é unha parte moi importante da súa vida “que vai más aló da mera esixencia de investigación da universidade. É unha vocación”, afirma.

O Ministerio de Cultura y Deporte, a través da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura, confirmaba nas últimas horas o Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 para Helena Cortés, así como o Premio Nacional a la Obra de un Traductor para Anne-Hélène Suárez “polo seu gran labor de difusión da literatura china en España”. No caso de Cortés, o xurado propuxo a súa obra ao considerar que El Diván de Oriente y Occidente “é un intento pioneiro de fusionar as culturas de Oriente e Occidente”, ao tempo que destaca que se trata dun “texto clásico que se traduce íntegro por vez primeira respectando a forma do orixinal alemán, que, a súa vez, se basea nas formas da poesía persa. Trátase dun gran reto filolóxico para lingua castelá polo seus elementos rítmicos e métricos, cuxa incorporación enriquece o canon da nosa literatura”.  

Un verdadeiro monumento cultural 

Uns dous anos, nos que tamén compatibilizou outros traballos, investiu Helena Cortés en traducir a que considera “unha obra con infinitos niveis de lectura”, ademais dun “verdadeiro monumento cultural de enorme importancia e, non obstante, apenas coñecido fóra de Alemaña”. Consciente de que West-östlicher Divan reúne todas as características para optar a un premio, “aínda que unha nunca se espera estas cousas, máxime cando nos dous últimos anos se premiaran dúas obras traducidas do alemán e non é costume repetir a mesma lingua premiada varios años seguidos”, Cortés quería dar a coñecer en España esta obra de Goethe que considera un impresionante canto á tolerancia cultural e ao diálogo entre civilizacións, anterior e máis verdadeiro que outros intentos do mesmo xénero e tamén máis natural e fresco no seu ton e forma. 

“O manuscrito desta obra é por iso Patrimonio mundial da Unesco, foi musicalizado polos máis grandes como Schubert, Schumann ou Schönberg, e, por exemplo, Daniel Barenboim e Edward Said crearon en 1999 unha orquestra que trata de loitar pola paz entre árabes e israelitas que leva precisamente o nome da obra de Goethe, West-Eastern Divan Orchestra, é dicir, en todo o mundo é un símbolo de concordia”, explica a tradutora.

A complexidade de verter ao español unha obra alemá con base nun texto persa

A Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 non agocha as moitas dificultades que entrañou o seu traballo de tradución dunha obra na que destaca a capacidade de Goethe de fusionar con total naturalidade “o alemán e o persa, o íntimo (como os seus amores cunha muller casada, Marianne von Willemer, que lle inspira en gran medida esta obra) e o público, o erudito e o popular, os problemas da súa propia época e unha base medieval, creando un pastiche absolutamente persoal dunha enorme orixinalidade, no que é imposible saber que é só da súa colleita, que é tomado dos seus modelos persas clásicos (sobre todo o poeta Hafiz) o que é versionado”, detalla Helena Cortés.

Ademais da dificultade que comporta a poesía, así como a gran distancia entre o alemán e o español, a docente e investigadora da UVigo enfrontou outros retos no proceso de traducir West-östlicher Divan. “Eu teño moito empeño en reproducir fielmente a forma estética elixida, pero neste caso, resaltaría sobre todo a complexidade de verter ao español unha obra alemá que leva na súa base moita veces un texto persa  e que imita a forma poética persa da ‘gacela’ ou ‘gazal’, o que me obrigou a estudar (en traducións a outros idiomas) os orixinais persas para poder dar conta deste tons e metros orientais que deben ‘soar’ tamén na obra, sen deixar por iso de traducir fielmente o orixinal alemán”, explica a tradutora.

Da tradución de Fausto a unha biografía de Goethe 

Licenciada e doutora en Filoloxía Alemá pola Universidad de Salamanca, profesora titular da UVigo, onde se incorporou no ano 1992, e directora do Instituto Cervantes nas súa sedes de Bremen, Hamburgo e Múnich entre os anos 2005 e 2015, Helena Cortés está especializada en Friedrich Hölderlin e na época clásico romántica alemá arredor de 1800. Xunto a Hölderlin, traduciu ao español obras de Martin Heidegger, Grimm, Fontane, Rilke e, por suposto, Goethe. “Traducín varias obras deste autor, a máis recoñecida seguramente é Fausto, que traducín nunha versión rítmica moi fiel, e que hai pouco foi a versión elixida pola editorial Galaxia Gutenberg para unha edición de luxo con láminas do artista Miquel Barceló”, detalla a autora.

O Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 que lle acaba de ser concedido se suma a outros galardóns recibidos por Cortés ao longo da súa traxectoria profesional, como a Medalla de Ouro Goethe da Sociedade Internacional Goethe pola súa contribución á xermanística. A docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo, que desde 2018 é membro numerario da Academia alemá da lingua e a literatura, acaba de entregar á editorial Tresmolins unha antoloxía poética da autora xudeo-alemá do século XX, Mascha Kaléko, titulada Hoja al viento, ademais de ter outros proxectos en curso, “ pero actualmente estou más concentrada en escribir unha biografía bastante persoal de Goethe”, avanza Helena Cortés.