DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo concluíu que as persoas hipertensas deben tomar a medicación antes de deitarse

Recoñecen o proxecto Hygia como unha das sete publicacións con maior impacto mundial

Liderado por Ramón Hermida, este traballo está tendo un grande impacto na práctica clínica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/04/2020

O proxecto Hygia, traballo realizado de forma coordinada entre a Universidade de Vigo e o Sergas e cuxos resultados confirmaron de xeito contundente que as persoas hipertensas deben tomar a medicación antes de deitarse,  acaba de ser recoñecido como unha das sete publicacións que acadaron un maior impacto a nivel internacional no ano 2019. O recoñecemento chega da man da Sociedade Americana de Medicina Interna, no nome da cal se reúnen cada ano un grupo de especialistas para seleccionar por unanimidade os sete estudos que poden ter un maior impacto á hora de cambiar a práctica clínica nesta disciplina.

“Na miña opinión este é un dos maiores recoñecementos para os anos de traballo de toda a rede Hygia”, explica o líder do proxecto, o catedrático Ramón Hermida, investigador de atlanTTic, centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ao tempo que insiste na idea de que este proxecto, “como agora se recoñece”, está tendo un grande impacto na práctica clínica e en todos os temas relacionados con saúde cardiovascular a nivel internacional.

Os últimos resultados do proxecto Hygia publicáronse o pasado outono na European Heart Journal, a revista de maior impacto mundial no mundo da cardioloxía e, agora, The American Journal of Medicine acaba de publicar o artigo co resumo dos sete traballos seleccionados polo grupo de expertos da Sociedade Americana de Medicina Interna.

Hygia é  maior estudo internacional sobre cronoterapia

Hygia é o maior estudo realizado ata a data a nivel internacional sobre cronoterapia e nel confirmouse un feito que levaban xa varios anos difundindo con forza os seus impulsores: as persoas con tensión arterial alta deben tomar os medicamentos antihipertensivos antes de deitarse en lugar de pola mañá. “Levamos moitos anos investigando sobre o control da presión arterial en función da hora de inxestión da medicación e controlamos algo máis de 19.000 pacientes durante seis anos e medio de seguimento, a maior duración de ningún estudo publicado neste ámbito”, explicou en diferentes ocasións Ramón Hermida, quen tamén salienta que o ámbito da cronoterapia en hipertensión está cobrando cada vez maior interese na práctica clínica.

A literatura médica avala tamén os resultados obtidos pola rede Hygia. Neste sentido o director do estudo fai fincapé en que dos 137 estudos publicados desde 1976 ata hoxe sobre efectos da hora de inxestión da medicación antihipertensiva sobre  a presión arterial e outros marcadores de risco (función renal, hipertrofia ventricular esquerda, etc.), 112 (82%) conclúen que é máis favorable tomar a medicación á hora de deitarse. “Os 25 restantes non atoparon diferencias entre tomar a medicación ao levantarse ou ao deitarse e, ningún deles, repito, ningún deles, documentou beneficios de realizar a inxestión deste tipo de medicamentos pola mañá”, recalca Hermida.

Seguíronse 19.000 pacientes durante máis de seis anos

O proxecto Hygia implicou a 40 centros de atención primaria  e 292 doutores e doutoras do Servizo Galego de Saúde, maioritariamente da área sanitaria de Vigo. No ensaio participaron 19.084 pacientes -10.614 homes e 8470 mulleres todos eles diagnosticados como hipertensos con criterios de monitorización ambulatoria- que tomaron as  pílulas antes de deitarse ou ao levantarse e aos que se seguiu de preto durante un longo período (unha media de 6,3 anos entre 2008 e 2018). 

O obxectivo foi analizar o efecto que ten o intre do día no que as persoas toman os medicamentos antihipertensivos sobre o risco de problemas cardiovasculares e os resultados non deixaron lugar a dúbidas: os pacientes que tomaban a medicación antes de durmir tiñan preto da metade do risco (unha redución do 45%) de morte por un ataque ao corazón, un infarto de miocardio, un derrame cerebral e unha insuficiencia cardíaca ou que requira dun procedemento para desbloquear arterias estreitas (revascularización coronaria), en comparación con aqueles pacientes que tomaban a medicación no momento de erguerse.