DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous estudantes da universidade recibiron hoxe cadanseu Premio Nacional Fin de Carrera

Un recordatorio do ben que o soubemos facer 

Os galardóns de Claudia Martínez e Santiago Pato corresponden ao curso 2013/2014

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 19/11/2018

171 estudantes de 44 universidades recibiron este mediodía en Madrid, nun acto presidido polo ministro de Ciencia, Innovación y Universidades, Pedro Duque, os Premios Nacionales Fin de Carrera correspondentes ao curso 2013/2014. Claudia Martínez Boubeta, graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo, e Santiago Pato Rodríguez, graduado en Educación Primaria pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, son os dous egresados da Universidade de Vigo que acadaron un segundo e un terceiro premio, respectivamente, e que hoxe recolleron cadanseu galardón por un importe de 2650 euros no caso de Claudia e de 2200 no de Santiago.

“Este premio é un recordatorio para nós mesmos do ben que soubemos facer as cousas nesa etapa universitaria facéndoas ao noso propio xeito, e para min é un enorme alento para seguir facendo cousas coa mesma entrega, paixón e constancia que, de xeito natural ou espontáneo lle dediquei aos meus estudos”, explica Claudia Martínez en relación co galardón que hoxe recibiu. Pola súa banda, Santiago Pato asegura que este premio “pon a guinda ao pastel despois de ter acadado os premios extraordinarios de fin de carreira, tanto da Universidade de Vigo, como da Xunta de Galicia. Estes logros relaciónoos co feito de ter estudado algo que é a miña vocación e de que a carreira me gustou moito e iso trasládase logo aos resultados”.

No acto celebrado hoxe na sala de cámara do Auditorio Nacional, os titulados pola Universidade de Vigo estiveron acompañados pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que considera este recoñecemento un motivo de orgullo para estes egresados “que son un exemplo para o resto de alumnos e un referente para os de novo ingreso”. Caparrini agradece o esforzo realizado por Claudia e Santiago, así como polas súas familias e tamén “ao profesorado que os apoiou e guiou no seu camiño á excelencia. Creo que é un premio que recibimos todos e un orgullo para a Universidade de Vigo”, asegura a vicerreitora.

Dous profesionais incorporados ao mercado laboral

Tanto Claudia como Santiago afirman que non agardaban recibir este recoñecemento pola súas traxectorias académicas, que en ambos os dous casos continuaron despois de finalizar os seus respectivos grados na Universidade de Vigo. “Obviamente tiña esperanzas, dado que teño un bo expediente e realicei outras actividades, que se valoraban como estudar idiomas ou obter bolsas de estudos. Pero non as tiña todas comigo, porque pensaba que podía haber outra alumna ou alumno cos mesmos méritos ca min noutro centro”, explica Claudia Martínez, que considera este recoñecemento un broche no seu currículo. Tras cursar un mestrado na Universitat Autònoma de Barcelona e incorporarse á empresa Pescanova no ano 2016 a través dunha bolsa, Claudia segue a traballar na empresa galega.

Pola súa banda, Santiago Pato insiste en darlle ao galardón un valor cooperativo, xa que “aínda que premia os méritos individuais, en educación traballamos moi cooperativamente, polo que este galardón tamén é mérito da miña promoción 2013/2014 de Educación Primaria, que foi unha gran promoción”, asegura. Pato cursou na Universidade de Vigo o Máster en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares e continuou co programa de doutoramento. “En setembro incorporeime xa á miña praza como mestre de linguas estranxeiras, especialidade de inglés nun centro de A Coruña, e sigo a tempo parcial co doutoramento”, explica sobre a súa situación laboral actual.