DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polo docente Enrique Varela e realizado por estudantes de Dirección e Xestión Pública

A Red Española de Aprendizaje-Servizo destaca un proxecto do campus entre as iniciativas levadas a cabo durante a crise da COVID-19

Tiña por obxecto analizar os servizos do campus e o seu grao de coñecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/06/2020

A Red Española de Aprendizaje-Servicio (Redaps), unha asociación que ten como misión difundir e potenciar o uso dunha metodoloxía na que o alumnado pon en práctica os coñecementos adquiridos prestando un servizo nun contexto real, seleccionou e difundiu ao longo das últimas semanas unha serie de “iniciativas innovadoras” levadas a cabo por múltiples entidades, institucións e centros de ensino durante a crise da COVID-19. Entre elas, QTeam. Mellora o teu campus, un proxecto impulsado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Enrique Varela e levado a cabo por alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública, que tiña por obxecto analizar os diferentes servizos do campus de Pontevedra e o seu grao de coñecemento entre o alumnado.

“Para un proxecto de innovación educativa, saír fóra do ámbito académico e de servizo co que se traballa sempre é un valor engadido”, salienta Varela despois de que esta iniciativa, que continuou desenvolvéndose de xeito virtual trala suspensión da actividade docente presencial, fose seleccionada para formar parte, xunto con outra serie de actividades, da oitava compilación de iniciativas de aprendizaxe-servizo levadas a cabo durante a crise do coronavirus que Redaps publicou na súa web. Nese senso, o seu coordinador destaca por riba da “difusión do proxecto en si”, esta selección como "boa práctica" supón "un reforzo" para os 20 alumnos e alumnas que traballaron neste proxecto. 

Coñecer e dar a coñecer o campus

Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado para o presente curso, este proxecto tiña como obxectivo “desenvolver un modelo de análise dos servizos públicos que presta a Universidade de Vigo no campus de Pontevedra”, centrándose así nun “espazo institiucional e de xestión pública enormemente descoñecido” polo estudantado, sostén Varela. Co alumnado como destinatario e a Vicerreitoría do campus como “socia”, o proxecto, inserido nas actividades da materia Xestión pública e organización de servizos públicos pretendía tamén “facer chegar información" aos e ás estudantes dos diferentes “servizos académicos e administrativos” do campus, así como das actividades que nel se desenvolven.

Finalmente, a crise da COVID-19, non permitiu levar a cabo a algunhas das iniciativas previstas tralo “traballo de estudo” dos servizos e actividades que teñen lugar no campus e a posterior "identificación de elementos de mellora", recollidos nun informe final que foi trasladado á Vicerreitoría. Así mesmo, o alumnado deseñou unha enquisa coa que buscaban coñecer o grao de coñecemento e a percepción que o alumnado do campus tiña deste servizos, un traballo que finalmente non puideron pór en práctica e que, recoñece Varela, non descartan retomar o vindeiro curso. Do mesmo xeito, tamén realizaron unha análise das canles de comunicación dos diferentes servizos co alumnado, trala que deseñaron unha estratexia para redes sociais. “Foron semanas de moito traballo online”, recoñece nese senso Varela, que recoñece que “o confinamento serviunos a todos como un escenario de aprendizaxe colectiva”.