DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu obxectivo é fortalecer a acuicultura en Iberoamérica

A rede Aqua-Cibus cumpre un ano ampliando a súa lista de membros

Está liderada desde o campus polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 09/10/2018

O pasado ano botou a andar a rede Aqua-Cibus, liderada desde o campus de Ourense polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (Cia3) da Universidade de Vigo e coordinada polo catedrático Jesús Simal. A rede celebra agora o seu primeiro aniversario facendo un balance positivo da actividade desenvolvida co obxectivo de fortalecer a acuicultura en Iberoamérica e destacando a ampliación da súa lista de membros.  

Aqua-Cibus, que xurdiu ao abeiro da convocatoria 2017 do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo, Cyted, céntrase primordialmente na optimización dos sistemas de produción en acuicultura; a busca do benestar animal co desenvolvemento de alternativas nutricionais e redución de antimicrobiáns; o aumento da produción sen danar ou alterar o medio ambiente e a obtención de produtos de calidade. “É dicir, o noso obxectivo é contribuír ao desenvolvo socio-económico da rexión iberoamericana a través de mecanismos de cooperación que buscan resultados científicos e tecnolóxicos transferibles aos sistemas de acuicultura de Iberoamérica co fin de promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sustentable”, lembra Jesús Simal, na actualidade vicerreitor de Internacionalización da Universidade de Vigo.

Máis masa crítica

Cunha duración de catro anos e un financiamento de 115.000 euros, a rede implementouse arredor de grupos de investigación, organismos públicos de investigación e empresas de España, Portugal, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Costa Rica, Ecuador e Perú. Así, ademais da Universidade de Vigo, participan nela Anfaco-Cecopesca; o International Iberian Nanotechnology Laboratory-Food e a empresa Eneida, de Portugal; o Centro de Investigación y Desarrollo en Criotecnología de Alimentos e a empresa Abc, de Arxentina; a oenegué Faunagua, de Bolivia; o Lapaq da Universidade Federal de Goiás, en Brasil; a Universidad Católica del Norte de Chile; o gremio Pañuelas, de Costa Rica; as empresas de Ecuador Gida-Cenaim e Cooproacmar e a Un-Acuictio da Universidad Nacional de Colombia.

Co fin de fomentar a integración científica e tecnolóxica en Iberoamérica e antes de proceder coa identificación de prioridades e oportunidades de investigación e innovación en acuicultura, neste primeiro ano de actividade de Aqua-Cibus, indican desde a organización, “procedeuse á consolidación da rede, co fin de incrementar a masa de crítica que forma parte da mesma, tentado deste xeito abarcar a maior cantidade de países do ámbito latinoamericano”. Así, apuntan, ao longo deste ano acadouse a incorporación de novos grupos de investigación procedentes da Universidad Científica del Sur (Perú), a Universidad Nacional Agraria de La Molina (Perú), a Universidad do Algarve (Portugal), a Universidad Autónoma de Tamaulipas (México) e a Universidad Técnica de Manabí (Ecuador). Tamén se incorporou o grupo Repromol, do Instituto Español de Oceanografía, e investigadores da empresa Acuícola Mares del Sur, Acuisur, (Perú). “Ao contar xa con sete empresas e unha asociación industrial facilítanos promover a participación activa de sectores empresariais nos procesos de innovación de sistemas de acuicultura, definindo procesos produtivos aptos para ser implementados na industria”, detallan desde Aqua-Cibus.

Formación e divulgación

Co fin de estimular a participación de persoal investigador iberoamericano noutros programas multilaterais de investigación e innovación en acuicultura e noutros aspectos relacionados, desde a rede este ano tamén se estableceron canles de colaboración con outras redes relacionadas con acuicultura e a alimentación, como son as redes Inmunogenom, Risegal e Iberphenol. Ademais, tanto co fin de contribuír á mellora da percepción social da acuicultura como á divulgación da investigación neste ámbito, organizaron diferentes xornadas, conferencias e actividades, en temas como microalgas ou toxinas mariñas. A rede financia tamén mobilidades, cursos de formación, pequenas estancias de investigación e publicacións conxuntas dos socios, publicando no seu primeiro ano a monografía Economía Circular y Acuicultura, participando en estudos sobre temas como o efecto da suplementación de dietas sobre a fisioloxgía reprodutiva e preparando varias monografías de próxima publicación, entre outros aspectos.

Incrementar a interacción en 2019

En agosto en Chile, en setembro en Brasil e este mes en Colombia, a rede está a presentar o seu balance de actividade mentres continúa ampliando a súa masa crítica. Sobre as expectativas para o seu segundo ano de actividade sinalan como traballarán especialmente aspectos como “aumentar o grao de interacción entre os grupos da rede, con publicacións conxuntas, sinaturas de convenios, actividades bilaterais ou multilaterais” e fomentar a formación aproveitando as capacidades dos integrantes da rede.