DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O inmoble, de 1450 metros cadrados, acollerá actividades académicas e institucionais 

As Redeiras dan acubillo desde hoxe á nova sede da UVigo no corazón da cidade 

Feijóo presidiu o acto de inauguración do edificio no que a Xunta investiu tres millóns de euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 31/05/2021

Unha parte do que orixinalmente foi unha praia entre dúas puntas rochosas e na que desde o século XII están documentados asentamentos de poboación, dedicada a actividades relacionadas co mar, acolle desde hoxe a nova sede institucional na cidade de Vigo da Universidade. Catro anos e medio de traballos de rehabilitación e construción dirixidos polo estudo de arquitectura Abalo Alonso e tres millóns de euros investidos pola Xunta de Galicia en tres pequenas vivendas de pescadores, situadas nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, permiten á UVigo dispor dun inmoble, no que desenvolver actividades académicas e institucionais no centro da cidade, onde quedara sen presenza, tras abandonar o edificio da antiga Reitoría da rúa Porto. Redeiras é o nome co que a institución académica acordou denominar a súa nova sede e co que quere dar visibilidade ao traballo desenvolvido por este colectivo profesional totalmente feminizado e que, xunto a escabicheiras, regateiras e vendedoras de peixe, poboaron durante séculos a paisaxe do Berbés, facendo posible co seu labor, non só o desenvolvemento da zona, senón o de toda a cidade de Vigo. 

Logo do inicio das obras en decembro de 2016, este luns tivo lugar a inauguración do inmoble, presidida polo titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. No acto de inauguración, ao que ademais do equipo de goberno da Universidade, asistiron diversas autoridades en representación dos gobernos autonómico e local, ademais de representantes doutras institucións, o presidente da Xunta asegurou que “o edificio que hoxe entregamos á UVigo é un forma de acreditar un modelo de goberno, que é intentar ser útil á sociedade”, recuperando un edificio singular, nun lugar emblemático, “onde naceu a cidade de Vigo”. Núñez Feijóo lembrou que o inmoble localizado nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, ocupa unha superficie de 1450 metros cadrados e nel se investiron máis de 2 millóns de euros na obra, aos que suma algo máis dun millón do custo dos tres edificios, que agora conforman a sede institucional. “Son 3 millóns de euros que van incrementar de xeito exponencial a imaxe de Vigo, a accesibilidade da ensinanza universitaria e o patrimonio das institucións, neste caso o patrimonio da UVigo”, dixo o presidente da Xunta, que gabou o traballo desenvolvido polo estudo de arquitectura Abalo e Alonso, “uns excelentes arquitectos”, cuxo traballo nesta sede foi recentemente escollido como unha das 70 rehabilitacións finalistas na Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo. Feijóo, para quen esta sede é un exemplo de colaboración institucional, tamén destacou a sostenibilidade do inmoble, cunha redución de emisións de CO2 “e unha completa sinerxía coa aerotermia, que é unha forma barata de produción frío e calor nas rías, dado que as diferenzas de temperatura non son bruscas”, explicou.

Ligazón aos vídeos da inauguración do edificio Redeiras

A Universidade, o sal da sociedade

O reitor da UVigo, pola súa banda, lembrou a aposta do equipo de goberno, que aparece recollida no Plan Estratéxico, de que a Universidade sexa un ingrediente da sociedade, “un ingrediente que podería ser o sal, que para min tamén é o fío condutor no nacemento deste Vigo moderno”, dixo Reigosa. O reitor aludiu na súa intervención ao espazo icónico que ocupa a nova sede da institución, onde antigamente a praia e o mar chegaban ata onde hai uns meses había “tres casas de pescadores unidas, moi estreitas e moi longas. Vigo é unha cidade que mira cara ao mar e que se basea no esforzo dos cidadáns”. Co nome de Redeiras, Reigosa explicou que se pretende render homenaxe ao traballo invisible das mulleres “que fixo posible este Vigo, esta sociedade e a Galicia que agora mesmo temos”. O reitor rematou o seu discurso agradecendo o investimento realizado pola Xunta e a cesión dos espazos, por parte do Consorcio Casco Vello, nun edificio que cualificou de “agarimoso” e que asegurou que lle permitirá á UVigo cumprir outros dos obxectivos recollidos no Plan Estratéxico “que é achegarnos ás cidades nas que están os tres campus e ter servizos e titulacións”. Neste sentido, Reigosa apuntou que o inmoble acollerá actividades da Escola Aberta de Formación Permanente, cursos e mestrados propios e tamén prestará acubillo ao Programa de Formación de Maiores. “Isto é a Universidade, a Universidade en Vigo, e a Universidade non é nosa, non é dos universitarios é de toda a sociedade”, dixo o reitor.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero, aludiu á “ánsia que temos da presenza da Universidade en todos os espazos”, ao tempo que cualificou de erro histórico a saída da institución “do corazón da cidade”. O alcalde, que lembrou as necesidades de espazos para o estudo que ten o estudantado universitario na cidade, así como os servizos dos que dispoñen para esta actividade, tamén se referiu á posibilidade de que a institución académica conte con más espazos no centro.”A Universidade ten en Vigo esta vocación de crecemento, de ter presenza. Esta universidade que tanto queremos debe centrarse tamén no corazón da cidade. Niso reitor seguiremos camiñando xuntos”, dixo Caballero.   

As autoridades que hoxe participaron na inauguración do inmoble, tiveron ocasión de percorrelo guiados polos arquitectos, un percorrido que incluíu unha visita á exposición 100 lunas cuadradas, da man do seu comisario Antonio Ferriz. A mostra está composta por fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias, que antes ser expostas no edificio Redeiras amosáronse no Instituto Cervantes de Tokio, en varias universidade xaponesas e na Galería Nacional de Tokio.100 lunas cuadradas rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios, amosando imaxes que abranguen practicamente todo tipo de obxectos astronómicos e algúns descubrimentos relevantes en astrofísica como sistemas exo-planetarios, estrelas adolescentes, fósiles cósmicos, lápidas fugaces ou grupos galácticos.

Primeiro edificio público en altura de España con estrutura de madeira contralaminada

Tres anos e medio prolongouse o período de execución do edificio Redeiras, obra do estudo compostelán de arquitectura Abalo Alonso. Cun orzamento de execución material de aproximadamente 1.6 millóns de euros, as obras arrancaron en decembro de 2016 partindo de tres inmobles que se atopaban en ruínas e dos que só se conservaba parte das fachadas dianteiras, cos arcos de pedra dos soportais e parte dos balcóns. “Conservamos a pegada histórica, de xeito que, aínda que se trate agora dun único edificio, aprécianse as trazas das antigas construcións. A máis pequena contén o acceso, a escaleira de emerxencia e aseos e instalacións nas diferentes plantas, mentres que as outras dúas, formúlanse máis abertas, cun oco central iluminado de xeito cenital, onde se localiza a escaleira principal, que conecta o resto de espazos vinculados a ambas fachadas”, explican Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

Un interior moi flexible a utilización dunha paleta reducida de materiais, son dúas das características desta intervención, cuxa estrutura de madeira contralaminada, o converte, “senón estamos equivocados, no primeiro edificio público en altura construído en España con esta tecnoloxía”, apuntan os arquitectos, que lembran que os paneis foron fabricados en Centroeuropa, mecanizáronse en Navarra e montáronse en Vigo, o que permitiu reducir, tanto o tempo da obra, como o impacto ambiental.  

Aínda que a distribución interior cambiou da inicialmente prevista no concurso, á executada finalmente, isto non afectou á infraestrutura básica proposta. Finalmente a planta baixa conta cun espazo de recepción, tenda e campus virtual; na primeira localízase atención ao alumnado, espazos de traballo compartido; sala de prensa e despacho institucional; aulas e oficinas na segunda, para terminar cunha zona de exposicións na terceira. A nova edificación resólvese cunha paleta reducida de materiais: a pedra existente, o formigón na cimentación e arranque dos muros en contacto co terreo, madeira no resto da estrutura, tanto vertical, como horizontal, así como carpinterías interiores e exteriores e, por último, o zinc na cuberta. 

Sobre a rehabilitación, Abalo e Alonso explican que se levou a cabo en función do estado previo de cada un dos inmobles. “Conserváronse e restauráronse os soportais dos tres edificios. A fachada do inmoble situado á esquerda desmontouse e reconfigurouse para adaptarse á altura entre forxados das outras dúas. A parte central conservouse, tal cal, reforzándose a trabazón da cantería e completándoa cunha nova cornixa de granito, mentres que a fachada correspondente ao inmoble situado á dereita deixouse practicamente tal cal, restaurando as molduras existentes e pintando o conxunto”, detallan os arquitectos.