DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o Día das Redes Galegas

As redes sociais, unha oportunidade para sumar “neofalantes dixitais” ao galego

A xornada contou coa participación de profesionais formados no centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/04/2019

“Encher de galego as redes” constitúe, segundo salientou o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Rolán, o obxectivo central do Día das Redes Galegas, unha xornada centrada en falar de medios sociais e de contidos dixitais en galego, feitos por galegos e galegas ou para galegos e galegas. Tres profesionais formados neste centro do campus pontevedrés, Jennifer Álvarez, Laura Bastón e Adrián Aira, e a xornalista Alba Mancebo protagonizaron os coloquios dun evento que ademais de pór en valor aos e ás profesionais da xestión de redes sociais e a formación que imparte a facultade neste eido, sinalou ás redes sociais como unha oportunidade para o idioma. Así o salientou, o director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade, Fernando Ramallo, quen incidiu en que as redes sociais constitúen “unha oportunidade relevante para as linguas minorizadas”, xa que son unha fonte para a xeración de “neofalantes dixitais”, persoas que “inician a súa conversión lingüística a usuario ou usuaria permanente do galego a través da súa experimentación nas redes”.

Coordinado polos profesores Xabier Rolán e Alberto Dafonte e organizado pola facultade e a ANL, coa colaboración da Vicerreitoría do campus e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a inauguración deste Día das Redes Galegas contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. “Este tipo de eventos son fundamentais para entendernos”, salientou Soto na apertura dun foro que se estendeu ás propias redes a través da etiqueta #redesgalegas. “As redes sociais non son algo polo que teñamos que apostar porque sexan o futuro, son o presente”, engadiu Valderrama, que incidiu na “aposta forte” de CCSS e da Comunicación por abordar esta realidade desde o punto de vista formativo, xa desde o ano 2007. Nese senso, Rolán lembrou que polas cinco edicións desta xornada pasaron preto de 15 profesionais formados no centro, “que o que fan é referendar a aposta decidida desta casa por unha formación específica en redes sociais, que este curso deu un paso máis” coa posta en marcha do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que coordina Dafonte, responsable de moderar o coloquio que pechou a xornada.

Un espazo de oportunidade para o galego

“Se hai un espazo no que a visibilidade do galego entra en competición pero onde hai tamén posibilidades de emancipación é nas redes sociais”, salientou Ramallo, quen, facendo referencia a súa propia traxectoria como investigador das e os neofalantes, puxo de relevo a importancia das redes como “un espazo clave para ese proceso tan necesario nas linguas minorizadas como é a conversión lingüística”. Nese mesmo senso, Valentín García lembrou que se trata “dun dos espazos de socialización fundamentais hoxe en día, sobre todo da xuventude”, da xeración “que máis competencias ten en lectura, en escritura e en comprensión, pero logo onde fallamos é no uso que facemos desa lingua”. De aí que sinalase a estas plataformas como un “espazo onde moitos se poden iniciar” no uso do idioma, lembrando “que o galego oscila entre o posto 20 e o 24 das linguas máis utilizadas en Twitter”. 

Contidos propios para acadar atención e fidelidade

Creadora de contidos dixitais en Antena 3, Jennifer Álvarez, achegou o alumnado ás “principais estratexias de promoción” e difusión de contidos en redes nun relatorio que centrou no “éxito no medio dixital” das series Fariña e La Casa de Papel e o programa La Voz. “A forma de ver televisión está cambiando cada vez máis e o mundo dixital cobra máis forza día a día”, subliñou Álvarez, quen sinalou que “a maioría dos espectadores que ven unha determinada serie ou programa utilizan ao mesmo tempo as redes sociais para compartir a súa opinión e por iso é importante conseguir captar a súa atención a través da interacción nestes medios dixitais”, así como ofrecerlles “contidos exclusivos, orixinais e de calidade”, que non poidan atoparse directamente na televisión.

Neste momento, as redes sociais “son un medio de comunicación máis”, engadiu nese mesmo senso Alba Mancebo, traballadora do Departamento de Contidos Web da TVG, quen abordou a aposta deste departamento pola creación de contidos propios para redes, desenvolvendo unha serie de vídeos informativos e divulgativos que mesmo acabaron tendo presenza na propia televisión, explicou. “No 2018, preto de 400.000 persoas seguiron os contidos da CRTVG nas redes sociais de forma habitual o que supuxo un incremento do 80% con respecto a 2017”, explicou Mancebo, quen falou tamén o seu traballo no Instagram da TVG e da iniciativa #instaGal, unha sección que busca “fidelizar seguidores” a través desta rede social, propoñendo cada semana unha palabra a partires da que ir reunindo sinónimos e variedades dialectais que se empregan en diferentes partes de Galicia.

Formada tamén na facultade, Laura Bastón, abordou neste foro o seu labor na publicación dixital especializada Diariomotor, “nun posto que denominamos como back office”, que abrangue desde a edición de vídeos e a creación de pequenas pezas para promocionar estes vídeos en redes sociais á xestión de contas publicitarias ou a creación de contidos patrocinados en redes sociais. “Ao tratarse dun medio dixital, as redes sociais son unha parte a ter en conta para derivar tráfico e xerar ingresos coa publicidade, pero máis aló diso, tamén son unha pata importante á hora de facer marca e xerar comunidade”, salientou Bastón nunha xornada no que o tamén egresado Adrián Aira, xestor de proxectos dixitais na axencia Elogia, abordou o papel que a rede social Linkedin xoga á hora de obter oportunidades de traballo. “Creo que hoxe en día é imprescindible se queres dedicarte a este mundo, sexa na disciplina que sexa”, salientou este titulado, quen puxo o foco en que, máis aló doa figura do community manager, o mundo dixital require de “moitos outros perfís creativos, estratéxicos e analíticos”.