DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un cento de persoas participaron na xuntanza celebrada onte na EE Industrial 

Reencontro de titulados e alumnado do Máster en Enxeñaría Industrial na segunda edición do MeiDay

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 29/11/2019

Un reencontro coas e cos antigos compañeiros e unha posibilidade de compartir experiencias co actual alumnado do Máster en Enxeñaría Industrial. Con esta filosofía celebrouse nas últimas horas a segunda edición do MeiDay, as xornadas divulgativas entre tituladas e titulados e estudantado do Máster en Enxeñaría Industrial, que comezaron cun relatorio a cargo do director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Boeing Research & Technology –Europe, Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos, e á que seguiu unha sesión de intercambio de experiencias, que permitiu o fomento de contactos e futuras colaboracións.

A idea dos encontros MeiDay xurdiu o ano pasado dun grupo de estudantes da 3ª promoción do mestrado “e reforzámola desde a dirección da Escola coa estrutura de xornada formativa e social da nosa profesión”, explica a subdirectora de Xestión e Organización Docente, Ana Mejías. Despois que na primeira edición do MeiDay fosen protagonistas da ponencia inaugural os exalumnos que emprenderon proxectos empresariais, convertidos na actualidade en firmas industriais altamente competitivas, este ano foi o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Boeing Research & Technology –Europe o encargado de ofrecer un relatorio titulado Estratexia e perfís profesionais para a innovación. A experiencia de Boeing Research & Technology –Europe. “Este ano centramos a atención nas características do perfil profesional para a innovación contando coa participación de Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos. En definitiva, queremos ofrecer ás e aos asistentes en cada edición mostras do dinamismo da profesión”, explica Mejías, que incide no valor de que nesta xornada, os xa exalumnos fomenten a colaboración entre profesionais e o alumnado que aínda cursa o mestrado “explore posibilidades profesionais que antigos estudantes lles poidan achegar”.