DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondaron en personaxes históricos como Puabi e Enheduana

Referentes da antigüidade que visibilizan o papel da muller na historia

Estiveron organizadas desde a Facultade de Historia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 19/10/2020

O Campus Remoto da UVigo acolleu este luns a celebración on-line das III Xornadas: Olladas á Antigüidade, organizadas pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense Susana Reboreda. A cita, que levou por título Mulleres con nome propio, permitiu ao máis de medio centenar de asistentes achegarse á historia de personaxes históricos concretos das catro grandes culturas da antigüidade (Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma) e ao mesmo tempo reflexionar sobre como se realiza esta ollada ao pasado desde unha perspectiva de xénero.  

A xornada, que contou co apoio da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense, puido seguirse de xeito presencial nunha aula da Facultade de Historia e foi inaugurada virtualmente por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. Na súa intervención, o responsable académico apuntou a importancia de iniciativas coma esta considerando que “unha sociedade máis xuta ten que recoñecer o papel das mulleres, que en moitas ocasións está deturpado, está agachado”. Así, engadiu, a sesión celebrada este luns permitiu “xunto co rigor científico, a reivindicación do papel histórico que teñen desenvolvido as mulleres”. Pola súa banda, a deputada provincial Luz Doporto salientou en representación da Deputación de Ourense, a colaboración existente entre o órgano provincial e a institución académica e quixo dar á organización da cita a “noraboa por seguir adiante con estas xornadas” “a pesar das dificultades”.  Durante a inauguración da actividade, Susana Reboreda subliñou a súa satisfacción ante o feito de que “por terceira vez vemos que é posible que estas xornadas sexan unha realidade a pesar dos atrancos, que neste caso son atrancos moi considerables”, en referencia á covid-19. A celebración desta cita en formato virtual, incidiu, “vai unida á idea que a Facultade de Historia fixo súa desde o primeiro momento de que a pandemia non nos para”.

Información e reflexión

As xornadas contaron coa participación dunha persoa destacada no eido académico de cada unha das catro grandes culturas da antigüidade, falando cada unha delas sobre unha ou varias mulleres significativas nesas grandes culturas. Concretamente  Agnès Garcia, doutora en Historia e profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, falou de Puabi e Enheduana, “dúas mulleres poderosas na cidade de Ur (aproximadamente 2500-2300 antes da era común). Rosa Cid, catedrática de Historia Antiga da Universidad de Oviedo, interveu sobre “Cleopatra VII, a poderosa raíña ptolemaica”, e Ana Iriarte, catedrática de Historia Antiga da Universidad del País Vasco, falou sobre o caso de Neera na Grecia clásica. Por último Rosa Sanz, catedrática de Historia Antiga da Universidad Complutense de Madrid, ofreceu unha conferencia sobre "Augustas romanas, princesas bárbaras: Gala Placidia e Justa Honoria”.

Agnès Garcia foi a encargada de abrir as intervencións falando de dúas mulleres, Puabi e Enheduana, de mediados do terceiro milenio antes da nosa era. Ademais de por ser “as primeiras que temos atestiguadas”, a profesora, apuntou, escolleu estas mulleres por ser “moi comentadas dentro e fóra dos estudos sobre próximo oriente antigo”. As dúas, apuntou, teñen en común a cidade Ur, no sur da antiga Mesopotamia (actual Irán e parte de Siria), unha cidade que, indicou, atraeu o interese arqueolóxico por ser lugar natal do “Abraham bíblico”. Facendo un achegamento ás intervencións arqueolóxicas realizadas nos anos 20 e 30 do século pasado neste enclave e os achados atopados nelas, Agnès Garcia esbozou aos asistentes á xornada estes personaxes históricos. O caso destas mulleres tamén lle permitiu a Agnès Garcia suscitar o debate sobre como na historia, “ás veces non eliximos ás mulleres sobre as que falamos pola riqueza das fontes que temos senón por outros motivos, porque hai mulleres das que temos fontes riquísimas e en cambio falamos delas en ámbitos moi restritivos”, facéndose a pregunta de “porque nos fascinan estas mulleres”. Para axudar a entender esta cuestión apuntou como “quizais buscamos modelos para empoderarnos”.

Sobre Pubia, Agnès Garcia explicou como a información sobre ela parte dun conxunto de tumbas cun enxoval moi rico atopadas no coñecido como cemiterio real de Ur. “A persoa que tiña o enxoval máis rico é a que se identifica como Puabi, que debía ter uns 40 anos cando morreu”, indicou a relatora. Na tumba que se relaciona con esta muller, sinalou, atopouse un selo cilíndrico cunha inscrición, única fonte escrita onde se menciona directamente a Puabi como dama rica cun termo que podería interpretarse tamén como raíña. “Non podemos saber se era unha raíña ou non pero está claro que era unha muller da alta sociedade”, apuntou. De ser raíña, engadiu a profesora, sería a única que non estaría atestiguada como “muller do rei” correspondente. Sobre Enheduana, que viviu arredor do 2300 antes da nosa era, Agnès Garcia indicou que era filla do Rei Sargón I de Acad, que lle deu o cargo de sacerdotisa na cidade de Ur para demostrar o seu poder na zona sur de Mesopotamia. Ao igual que de Puabi, lembrou, só se conservan unhas mínimas fontes coetáneas de información, no seu caso unha inscrición no coñecido como disco de Enheduana, atopado nun templo do que a princesa se declara construtora nesa mesma inscrición. 500 anos despois, engadiu, no colofón dun compendio de himnos dedicados a divindades fálase dela como “a primeira autora”, feito que fixo transcender este personaxe. Porén, indicou, “non podemos para nada falar de Enheduana como a primeira autora”, xa que, destacou a relatora, “a autoría non é algo que teñamos no mundo antigo, non hai autores ou autoras que poñan ese texto é meu”. O interesante do seu caso, dixo, “é que quen fixo este colofón non lle chamaba a atención que a compiladora dunha táboa fose unha muller”, algo que contrasta co feito de que “a miúdo temos a imaxe de que os escribas son escribas homes”.