DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Auce organizou este xoves unhas xornadas sobre estas emisoras

Unha reflexión nas ondas sobre as radios comunitarias

Entre outras actividades gravaron un programa aberto á participación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 31/05/2018

Auce, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación do campus de Ourense, organizou este xoves a 1ª Xornada da Radio Livre. Ao longo da mañá e da tarde, a cita contou na súa programación cun diverso abano de actividades que abrangueron desde a formación en aspectos técnicos ata a gravación dun programa. A iniciativa enmárcase dentro das actividades que está a levar a cabo a entidade para dinamizar a súa canle radiofónica Radio Fedello. 

“O obxectivo destas xornadas é falar das radios libres e comunitarias, que se coñezan máis estas canles e que a xente lle perda medo a participar nelas”, comentou Raquel González, da Asociación Auce, antes do inicio da xornada. Para acadalo, apuntou, deseñaron un programa que tivo como obxectivo “que as persoas da comunidade universitaria se acheguen e vexan como funciona unha radio, que se converta nalgo visible para elas”. Na actualidade, indicou, a canle da asociación, Radio Fedelo, atópase “en reconstrución pero xa estamos preparando cousas novas” polo que con esta iniciativa quixeron darlle pulo a esta nova etapa para a súa emisora. 

Colaboración de Radio Liverdade

O programa da xornada incluíu no Pavillón de Estudantes do campus e na súa contorna a gravación pública dun programa de radio, o desenvolvemento de varios obradoiro de radio, son e locución, un xantar comunitario e a proxección do documental Radios libres: as voces da xente. A última hora da tarde estaba previsto a continuación da actividade en varios locais da cidade, con actuacións e “micro aberto” ás persoas interesadas en facerse escoitar nas ondas. 

A cita contou coa colaboración especial de Radio Liverdade. No seu nome, Lucien Petitjean explicou como esta canle, que emite en podcast, “naceu hai xa case dous anos por iniciativa dun grupo de veciños de Ourense, un grupo moi diverso en orixes culturais e sociais”. O seu obxectivo, sinalou, é “ofrecer á xente de Ourense escoitar noticias sobre sucesos culturais e sociais de aquí e do mundo pero en lingua galega”. Unha oferta que, advertiu, “contrasta coa dos medios máis xeneralistas de Galicia, que non usan a lingua galega para falar da realidade galega”. Algúns dos membros de Radio Liverdade arrancaron a programación desta 1ª Xornada da Radio Livre compartindo micrófono e gravando un programa cos membros de Auce nunha experiencia que agardan se repita en vindeiras ocasións.