DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancan este mércores no bar Cañaveral de Vigo ás 18.30 horas

Regresan as charlas do alumnado do Programa de Maiores ás cafetarías de Vigo e Pontevedra

Abertas ao público en xeral, na cidade do Lérez a cita será o xoves ás 18.00 horas en La Gramola

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Institucional
DUVI 17/06/2024

Esta semana regresan ás cidades de Vigo e Pontevedra as charlas do alumnado do Programa Universitario de Maiores que participa no ciclo Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, unha iniciativa que converte a estas alumnas e alumnos en divulgadores por un día, achegando o seu coñecemento a un público non especializado, cunha idade e inquedanzas similares as súas. O programa arrancará este mércores no bar Cañaveral, na praza da Porta do Sol da cidade olívica ás 18.30 horas, e continuará o xoves en Pontevedra, na cafetería La Gramola, na praza de Méndez Núñez, ás 18.00 horas.

Enmarcado dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, esta terceira edición do ciclo comprenderá dous relatorios de cinco estudantes sénior, acompañados e asesorados por persoal investigador da propia Universidade de Vigo con experiencia no ámbito concreto sobre o que versan os seus relatorios, algo no que veñen traballando ao longo das últimas semanas.

“O alumnado do PUM acumula sabedoría e moitas experiencias que non aparecen nos libros técnicos, pero axudan a comprender temas cotiáns, do día a día, e a sobrelevar a vida con maior alegría e felicidade. Ademais, sempre están dispostas e dispostos a compartir e adoitan ter unha gran capacidade de transmitir coñecementos dunha forma sinxela”, explica a coordinadora do PUM, Carmen María Abreu. “Penso que esta actividade será altamente gratificante para todas as persoas que participen: para os relatores porque poden contar directamente aos compañeiros todo o que viviron; para os asistentes porque poden seguir aprendendo, e iso axúdaos a enfrontarse satisfactoriamente a calquera reto que se propoñan; e para os mentores polo pracer de transmitir o argumento científico da temática debatida”, recalca Abreu.

Facendo ciencia para aprender, en Vigo

A primeira charla será no bar Cañaveral ás 18.30 horas do mércores. Titulada Facendo ciencia para aprender, correrá a cargo dos alumnos Felipe Alconada Martín, Alfonso Castro Gómez e Constantino García Ares, asesorados por Iria Feijoo Vázquez, docente na Área de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Escola de Enxeñería Industrial e investigadora do grupo de Enxeñaría de Corrosión e Materiais (Encomat). Na cita tamén estará presente Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación e nela, os relatores tentarán probar a famosa frase de Confucio: Contáronmo e esquecino, vino e entendino, fíxeno e aprendín. 

A saúde e a sanidade en primeira persoa, en Pontevedra

En Pontevedra a cita será o xoves 20 ás 18.00 horas, en La Gramola. Desta volta, baixo o título A saúde e a sanidade en primeira persoa. Experiencias e preocupacións, Carmen Pérez Tilve e Carmen Novas Casal, asesoradas pola docente e enfermeira Paz Diéguez Montes, subdirectora da Escola de Enfermaría de Pontevedra, tentarán achegar ás persoas asistentes o pasado e o presente da situación sanitaria.