DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola Área de Emprego e Emprendemento

Regresan os Xoves Empregables para debullar as profesións do futuro

Con dez seminarios que comezan mañá e se estenden ata decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 06/10/2021

Nas novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, a virtualidade… os cambios e innovacións que se están a producir na contorna produtiva e de consumo están a demandar tamén novos perfís profesionais que farán mudar substancialmente nos próximos anos o mercado laboral. Para achegar o alumnado actual a todas estas posibilidades, a Área de Emprego e Emprendemento organiza unha nova edición dos Xoves Empregables financiada por Eures que, desta volta, se centrará nas profesións do futuro. “Queremos facilitar aos estudantes e egresados/as a mellora da súa empregabilidade con este conxunto de dez seminarios en liña que presentan os empregos que neste momento son cualificados como 'con futuro' por diversos estudos”, que van dende o emprego dixital, a economía verde, a e- saúde, a loxística, a análise de negocios, o márketing olfactivo, a comunicación accesible, as realidades 3D ou a arte, entre outros. “Sectores todos que impactan de forma moi positiva no crecemento económico e no benestar da sociedade”.

Como explican dende a organización, “a orientación de cada seminario terá unha dobre vertente”. Por unha banda, dar a coñecer a visión experencial dunha persoa traballadora nun ámbito determinado, da súa traxectoria e da súa experiencia desempeñando o cargo que ocupa. Doutra banda, unha visión analítica do sector, unha descrición do ou dos empregos e as competencias xerais que debería ter unha persoa que queira acceder a traballar nunha profesión similar. 

10 sesións, dez citas do futuro

En total, son dez sesións en liña a través de Campus Remoto, en dez xoves, que arrancan mañá e se estenden ata o 2 de decembro. A cita deste xoves será con Alejandra Mosteiro, de Extend e con experiencia previa en Inditex, cun relatorio titulado O efecto bolboreta. A metamorfose é posible. A próxima semana, o día 14, a cita será con Francisco Puga, de Icarto que afonda en como é traballar na e para a nube. O día 21 será Diana Ordóñez, de Amazon, a que achegue a súa experiencia sobre as as cadeas de produción, o transporte e a loxística. A derradeira cita de outubro será o día 28 con Antía Blanco, de Galchimia, e Julio Martínez, de Bioga, que explicarán como transferir a investigación para achegar valor e analizarán o auxe da biotecnoloxía e as novas profesións ‘bio’. 

O 4 novembro será a quenda de Xoel Vázquez e Miguel Mosquera, de XOIA Extending reality, para falar de realidade aumentada e contornas virtuais. O día 11 será Emilio Froján, de Velca Motor, o que aborde diversos aspectos da economía verde e a economía azul. A seguinte cita será excepcionalmente un martes, o día 16 novembro, con Alejandro Anta, de Bimba y Lola, e Maruxa Amieiro, do Grupo Trisón, que analizarán como a vía analóxica deixa paso aos novos perfís dixitais. O día 18 novembro serán o profesor da UVigo Pablo Romero e Miguel Ángel Souto, de CIMAK, os que analizarán as relacións entre emisor, receptor e mensaxe e as novas formas de comunicar. O día 25, Noelia López, de Saraiva & Envita, analizará os novos retos na atención na saúde. O ciclo pecharase o día 2 de decembro con Julián Abad, de Creatividade Galega, cun relatorio titulado Cando a arte vai máis aló dun lenzo