DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa transmite o seu “agarimo” aos afectados, un docente de Vigo e unha alumna de Ourense

O reitor chama á comunidade universitaria a concienciarse da seriedade da situación tras confirmarse dous casos de infección por coronavirus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 17/03/2020

“Temos a confianza de que, máis cedo que tarde, estaredes completamente curados, e para o resto da comunidade, sirvan estes dous primeiros casos para tomar conciencia do serio da situación”. Con esta dobre mensaxe se dirixía esta noite o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, aos dous primeiros membros da comunidade universitaria que hoxe se confirmou que deron positivo por corononavirus, así como ao resto do PDI, PAS e alumnado da institución, aos que ademais, para reverter a situación lles lembrou “que é imprescindible que quededes na casa, salvo casos realmente xustificados e tomando todas as precaucións aconselladas”.

En canto aos dous primeiros casos de infección por covid-19 confirmados hoxe na comunidade universitaria, trátase dunha alumna que segue estudos de Dereito no campus de Ourense e dun docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo. “A eles queremos transmitirlles o noso agarimo”, sinalou Reigosa esta noite, tras confirmarse os dous primeiros positivos por Covid-19 entre membros da comunidade universitaria.

Tras confirmarse a aparición destes dous primeiros casos, o reitor asinaba un Protocolo básico de actuación nas instalacións da Universidade de Vigo ante a confirmación de casos polo COVID-19.