DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os arquitectos agardan que este ano a obra estea finalizada 

Rematada a estrutura de madeira, a cuberta e a fachada do edificio institucional do Berbés 

A delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos organizou unha visita guiada para profesionais 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/07/2019

É un dos primeiros exemplos en Galicia da utilización da madeira como elemento construtivo estrutural. A construción do edifico institucional da Universidade de Vigo no Berbés encara a súa recta final unha vez rematada da estrutura de madeira, a cuberta e fachada, como confirmaron este mediodía os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso, encargados do deseño da obra. Nunha visita organizada pola delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos, profesionais do sector tiveron ocasión de visitar o inmoble que ocupa os número 11, 13 e 15 da rúa Ribeira do Berbés e no que a Universidade de Vigo “potenciará a súa presenza na cidade e achegará servizos á cidadanía, ademais de ser un elemento rexenerador do barrio, que axude á configuración da cidade”, sinalou Héctor Álvarez, director técnico de Infraestruturas da institución académica viguesa. 

Gonzalo Alonso destacou o carácter colectivo dunha obra “significativa porque que é unha das primeiras en Galicia de madeira laminada”, dixo, ao tempo que confirmou, que unha vez rematada a estrutura, a cuberta e a fachada, en próximos días se iniciarán os traballos de colocación do pavimento e instalacións, de xeito que “esperamos que este ano estea rematada”, sinalou o arquitecto. Mentres, José Ignacio Lema, director da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta, XERA, lembrou a aposta do executivo galego por fomentar o uso da madeira na obra pública, “porque é un elemento fundamental na estratexia de bioeconomía europea que impulsa o uso dos recursos naturais, reciclables e xestionados de xeito sostible, fronte aos fósiles”, explicou , ao tempo que manifestou a súa expectativa de que nun período dun ano e medio sexa posible en Galicia presentar iniciativas empresariais para da solución á demanda local para desenvolver este tipo de construcións e así pechar o círculo da economía circular. 

Pola súa banda, o presidente da delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos, Manuel Martínez Carazo, destacou na presentación da xornada de visita ao inmoble da Universidade a incrible capacidade da arquitectura para “achegar á sociedade ao mundo soñado onde quere vivir”, ao tempo que reivindicou a pequena obra e demandou que a sociedade potencie a capacidade dos arquitectos na toma de decisións dos espazos urbanos e rurais “para deseñar unha contorna de calidade na que vivir”.

Case 400 metros cúbicos de madeira que absorben o CO2 xerado por centos de vehículos

Na visita á nova sede institucional da Universidade de Vigo, Manuel Touza, técnico de XERA-CIS Madeira, destacou que os case 400 metros cúbicos de madeira contralaminada empregados na construción do edificio “absorben o CO2 que emiten como mínimo 250 vehículos ao ano en Vigo e que poderían chegar a 1000 se teñen en conta outros factores, como que non se empreguen na construción materiais como formigón ou aceiro, así como a posible reutilización enerxética do inmoble unha vez rematada a súa vida útil”. 

Pola súa banda, tras lembrar a orixe mariñeira dos inmobles que ocupa a sede institucional da Universidade, “ata onde case chegaba o mar e en onde baixo as súa arcadas gardábanse as barcas coas que se pescaban baleas, mentres arriba vivía a xente”, explicou, o arquitecto Gonzalo Alonso destacou que no proxecto se introduciron as demandas da institución académica, que precisaba un inmoble “onde se puidesen facer actividades, atender cuestións das matrículas, tenda, despachos, espazos multifuncionais … Para o que se deseñaron aulas de 50 metros e espazos de traballo”, explicou. En canto á distribución das plantas, o arquitecto apuntou que se estruturaron as máis baixas para actividades máis publicas e as superiores para cuestións máis privadas, ao tempo que destacou a existencia de dúas escaleiras, en especial unha central cun lucernario, así como unha planta baixa cunha zona de gradas.