DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Representantes do mundo académico, empresarial e sindical analizan o auxe das TIC e os seus efectos no eido laboral

Segundo o presidente do clúster en Galicia, neste sector non existe desemprego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 18/06/2021

Automatización de procesos, dixitalización, virtualidade, teletraballo... o tecido produtivo, e consecuentemente o mercado laboral, está a mudar polo impacto que nel teñen as TIC, unha sucesións de transformacións que semellan van confluír nun cambio de paradigma. Para analizar o impacto deste proceso no eido laboral, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este venres unhas xornadas organizada polas profesoras Emma Rodríguez e Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. O evento contou coa participación de representantes da empresa privada, dos sindicados, da administración e do mundo académico, reunidos en varias mesas redondas ao longo do día.

A todas e todos eles déronlles as grazas as organizadoras e o decano da facultade, Francisco Torres, que remarcaba no acto inaugural que este tipo de xornadas poñen en valor a transferencia do coñecemento universitario e serven para que “nos fagades chegar as vosas necesidades”, xerando “nun verdadeiro foro de debate para atopar solucións a algo tan candente como son as TIC e o seu impacto na contorna laboral”. Torres tamén quixo poñer en valor o traballo do grupo de investigación de Dereito Laboral, unha “referencia sempre á vangarda” e agradeceulles a organización deste tipo de xornadas.

Pola súa banda, as organizadoras sinalaban a necesidade de abordar esta temática, xa que “o cambio de ciclo propiciado pola pandemia, xunto co recoñecemento xeral das eivas das reformas laborais recentes, propicia que dende instancias diferentes se estean lanzando propostas estruturadas de reforma do mercado de traballo”. O que teñen en común todas elas, destaca, é que poñen de manifesto a importancia da intelixencia artificial e as TIC no eido das relación laborais. En concreto, Emma Rodríguez referiuse ao Programa de Europa Dixital, que pretende acelerar a transformación dixital da economía, a industria e a sociedade europeas. A docente puxo o foco en aspectos como “o crecemento intelixente con calidade, competitividade e ciberseguridade” e na fenda de xénero dixital, consecuencia do afastamento constante e crecente das nenas respecto dos estudos tecnolóxicos ou STEM, que se traduce en “segregación profesional, menores salarios e pobreza feminina”. Tamén puxo sobre a mesa o dereito ao descanso ou desconexión e o dereito á información sobre intelixencia artificial.

Un sector en constante crecemento

A primeira mesa redonda da xornada abordou a situación do sector TIC en Galicia. Moderada pola profesora Belén Fernández Docampo, contou coa participación de Javier Martínez Torres, profesor do Departamento de Matemática Aplicada da EE de Telecomunicación da UVigo; Antonio Rodríguez del Corral, presidente do clúster TIC Galicia e representantes de UXT, CIG e CCOO. 

Rodríguez del Corral foi o encargado ofrecer unha panorámica do sector, “un dos de maior crecemento, moi por riba da media do PIB de todos os países”. Esta é unha tendencia “alta e constante” consecuencia dun “cambio da maneira de traballar en todo o mundo, onde a maquinaria tradicional está perdendo importancia en todos os segmentos, dende automoción a hostalaría, e as infraestruturas físicas están sendo gobernadas polo software e os algoritmos”. Neste contexto, o sector TIC está sometido a unha tensión de demanda de produtos e traballadores “enorme e global”. Como consecuencia, explicaba Rodríguez del Corral, neste sector non existe desemprego, polo que dende o punto de vista do empregado, este “é o mellor momento para ser profesional das TIC, xa que podes elixir para que empresa traballar, o proxecto que queres facer ou a tecnoloxía na que queres formarte”. De feito, segundo a enquisa de emprego anual que realiza o clúster, hai entre 800 e 1000 vacantes en Galicia no sector. Pola contra, o principal problema ao que se enfrontan os empresarios son as escasas marxes, “aínda traballando a tope, por iso é imprescindible buscar algo que diferencia a túa empresa e defenda a túa marxe e a túa produtividade”.

As persoas, detrás dos algoritmos

Na primeira parte da xornada interveu tamén o docente da EE de Telecomunicación Javier Martínez Torres, que se centrou en contextualizar o ámbito TIC e a enxeñaría artificial. Remarcou que os algoritmos “non deixan de ser sentencias lóxicas que facemos todos, todos os días, para resolver un problema”. Pero puntualizou que detrás dos algoritmos hai, e sempre haberá, persoas. “Os algoritmos están programados por alguén; toman unhas decisións lóxicas implementadas por alguén” e, se ben teñen capacidade de aprendizaxe, fano en función “duns datos de adestramento que lle proporciona alguén”. Hai moita tecnoloxía detrás, recoñecía, pero “o ordenador é absolutamente estúpido e só fai o que o ser humano lle manda”.  Partindo desta base, Martínez Torres explicou que o impacto das TIC no mundo laboral chegou para quedarse e está xa consolidado, por exemplo, nos procesos de selección de persoal ou na análise do desempeño profesional. 

A segunda mesa redonda da xornada centrouse na presenza das TIC e a súa influencia nos distintos sectores produtivos, coa participación de André Castelo, do clúster TIC Galicia; Alberto Vaquero, profesor do Departamento de Economía Aplicada e Ana Pouso, xefa da Unidade Especializada de Seguridade Social da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra. Xa pola tarde celebrarase unha terceira mesa de debate sobre o teletraballo e os novos modelos de organización, moderada por Emma Rodríguez. A sesión contará coas achegas de José Ángel Veiga, membro do comité de dirección do clúster TIC Galicia, representantes das organizacións sindicais e Verónica Martínez, directora xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social, que será tamén a encargada de clausurar as xornadas.