DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa obra 'Mate-glifos' como eixo central

'reseñas' regresa en decembro cunha mostra centrada na orixe e evolución dos símbolos matemáticos, en galego

A seguinte recensión abordará a temática da represión na España franquista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Antía R.G. DUVI 16/12/2019

Cando falamos de divulgación científica, a primeira lingua que se nos vén á mente é o inglés; idioma no que están escritas a  maior parte das obras sobre esta temática. Isto é o que Miguel Ángel Mirás e José Nicanor, autores do libro Mate-glifos e docentes do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo pretenden cambiar, facéndolle un oco ao galego, neste caso, no ámbito das matemáticas. O seu texto é o único no mundo que amosa a historia da ciencia numérica acompañada de anécdotas, problemas clásicos e crebacabezas, e está escrito en galego. Como eles mesmos sinalan na presentación da mostra reseñas.11, “a normalización lingüística de calquera lingua minorada pasa por actuacións en dous eidos: produción literaria e produción de divulgación científica. No caso do galego contamos cun abano importante de autoras e autores que proporcionan unha literatura variada e de calidade; non se pode dicir o mesmo no terreo científico.” Ademais de na creación desta obra, Mirás e Nicanor participaron en diversos proxectos relacionados coa produción e divulgación científica en galego. José Nicanor é coautor da primeira tradución ao galego do libro I dos Elementos de Euclides e participou na recente  publicación de A lista de Hilbert. Pola súa banda, Miguel Ángel, el é coautor da tradución ao galego da obra de teatro de temática matemática Proof, ademais de ter elaborado un manual de matemáticas en galego, Matemáticas á boloñesa. Conxuntamente levaron adiante a tradución do Arenarius de Arquímedes, posiblemente o primeiro libro de divulgación científica da historia.

Polas súas características, o volume titulado Mate-glifos foi escollido para protagonizar o reseñas.11; unha iniciativa bimensual  promovida polo persoal da biblioteca de Torrecedeira. O obxectivo é crear un espazo dedicado á lectura e aberto a toda a comunidade universitaria ao tempo que se intenta estimular o bo uso e manexo dos recursos e fontes de información que ofrece a biblioteca. Para acadar dita finalidade, creouse un expositor con, ademais deste libro, diversas obras da mesma temática como por exemplo 17 ecuaciones que cambiaron el mundo, El legado de las Matemáticas, Las Matemáticas en el Cine, entre outras. Todo isto vén acompañado  dunha táboa resumo, chamada glifoteca, que recolle os principais termos matemáticos xunto co símbolo que os representa, o ano da súa primeira aparición e o autor. A maiores tamén hai unha exposición de fotografías de matemáticos relevantes na historia.

Representacións numéricas, crebacabezas, enigmas e pasatempos 

O libro Mate-glifos centra cada capítulo un campo diferente das matemáticas, comezando pola aparición dos números e rematando coa historia das representacións asociadas a certos números especiais. A maiores, conta cun dicionario etimolóxico  dalgúns termos matemáticos, unha táboa, ou glifoteca, con símbolos, ano de aparición e autor e unha bibliografía específica para ampliar coñecementos. Tamén se atopan na obra crebacabezas, enigmas e pasatempos para facer máis amena a súa lectura, pero, que é un mate-glifo? Os autores explican que este é un termo que eles mesmos inventaron. Un glifo, explican na presentación de reseñas.11, “ é un signo ou debuxo de carácter simbólico empregado en diferentes sistemas de escritura”, do que se derivan palabras como por exemplo petróglifo, un signo gravado sobre pedra. Por extensión, sinalan os profesores, “resulta natural considerar un mate-glifo como un signo gravado nas matemáticas. Estamos diante dun libro dedicado a explicar a historia das Matemáticas a través dos diferentes símbolos que constitúen a súa linguaxe.” Símbolos como o de igual como = , suma como +, ou resta como – non sempre se escribiron igual, por exemplo, a loita entre o de igualdade entre = e ∞ durou séculos.

Memoria e represión

O seguinte reseñas chegará no mes de febreiro co libro Seique, a primeira publicación da escritora Susana Sánchez Aríns. A obra é unha crónica poética en galego, retrato do que foi a historia dun fascista, o tío Manuel, na España da represión franquista. A autora reconstrúe o pasado mediante fragmentos de todo tipo como conversas, relatos curtos, poemas, contos, refráns, cantos populares... aínda que sobre todo apela á memoria para contar a historia do protagonista, seu tío avó. Unha persoa que nos libros de historia aparece como alcalde no ano 1940 e do cal ela escoitou miles de historias que falaban da súa crueldade e inxustizas que levou a cabo naquela época.