DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O GDG DevFest será o 26 de outubro na Escola Superior de Enxeñaría Informática

A reunión anual dos Google Developer Groups galegos contará coa asistencia de máis de 200 persoas

Haberá conferencias e obradoiros de carácter tecnolóxico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 22/10/2019

O sábado 26 de outubro máis de 210 persoas daranse cita na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense na edición galega do GDG DevFest 2019. A actividade, organizada neste caso polos Google Developer Groups galegos, preséntase segundo a organización como “o evento tecnolóxico gratuíto máis grande de Galicia” cuxo principal obxectivo é “crear comunidade” entre as persoas e entidades que traballan no eido da informática e a tecnoloxía na comunidade autónoma.

Os GDG DevFest, explican desde a súa organización, “son eventos a grande escala dirixidos por e para a comunidade que se celebran anualmente por todo o mundo”. “Non hai dous DevFest iguais, todos están alimentados pola crenza de que cando os desenvolvedores se reúnen para intercambiar ideas, cousas incribles poden suceder”, indican.

A cita que se celebrará en Ourense está organizada polos GDG de Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lugo e conta co apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, de Google e de StartupGalicia e co patrocinio de Redegal, Openhost, RaiolaNetworks, Plexus, Teimas, Dinahosting, Gradiant e Idealista, entre outros. “As comunidades Google Developer Groups (GDG) están presentes nas principais cidades galegas e xuntas organizamos este evento tecnolóxico co obxectivo de mellorar a comunidade tecnolóxica galega e posibilitar as relacións entre os asistentes”, comentan desde a organización, facendo fincapé no carácter gratuíto desta iniciativa, que xa cumpre a súa terceira edición. “Calquera persoa, independentemente da súa situación laboral e económica, poderá asistir ao DevFest se o desexa”, recalcan.

Conferencias e talleres

A programación do evento inclúe un amplo panel de conferencias que se presentan como “charlas de tecnoloxía de menos dunha hora, interactivas, amenas e adaptadas a calquera público de perfil tecnolóxico”. O programa tamén inclúe talleres onde as e os asistentes poderán “adquirir conceptos de forma práctica e guiada, executando o código directamente no seu propio computador”. Para impartir estas actividades, participarán na cita relatores e relatoras “de primeiro nivel chegados de todo o territorio nacional, que compartirán os seus coñecementos sobre tecnoloxía coas persoas asistentes”. Algúns deles, detallan desde a organización, “son grandes referentes nos seus campos, como Moisés Martínez, recoñecido como experto en intelixencia artificial dentro do programa Google Developer Expert”. A construción de modelos para dispositivos edge TPU, o traballo en remoto, os principios de Solid ou a unha introdución a HTML5 e CSS3 son algunhas das temáticas que se abordarán ao longo da sesión que se celebrará no campus de Ourense.

Estes encontros anuais rotatorios, lembran desde a súa organización, están deseñados como xornadas técnicas, informáticas, que abranguen todo tipo de temáticas, desde servidores a programas, podendo incluír algún aspecto menos técnicos, como nesta edición o traballo remoto ou os perfís técnicos, tal e como comenta Toni Martínez, coordinador do GDG Ourense. O obxectivo último desta programación, apunta, “é intentar promover comunidade, neste caso a nivel galego”. O GDG Ourense, lembra o seu coordinador, é un grupo sen ánimo de lucro que está formado por máis de 600 persoas, non só de Ourense, e que ten como obxectivo “crear comunidade técnica en Ourense”, creando un espazo de interacción entre “a xente que traballa no ámbito da informática e sistemas”.