DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 'European Heart Journal' recolle nun artigo os resultados do Proxecto Hygia

A revista de maior impacto mundial en cardioloxía publica un revolucionario estudo galego sobre hipertensión

A principal conclusión é que o risco cardiovascular depende da presión arterial durante o sono

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 29/08/2018

O Proxecto Hygia, o estudo sobre hipertensión que investigadores da Universidade de Vigo e facultativos do Servicio Galego de Saúde desenvolveron ao longo de once anos cunha poboación de 18.000 pacientes e que marca un punto de inflexión no enfoque clínico do risco cardiovascular e o tratamento da hipertensión ao concluír que o risco cardiovascular depende do nivel de presión arterial durante o sono, está a xerar unha grande expectación nas sociedades científicas e clínicas internacionais, como amosa o feito de que os seus principais resultados veñan de ser recollidos na revista científica de maior impacto mundial no ámbito da cardioloxía, o European Heart Journal. Así o confirmaron este mércores os coordinadores principais do proxecto, o catedrático da Universidade de Vigo Ramón Hermida e o coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria, Juan Crespo, nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes o xerente da EOXI de Vigo, Félix Ruibal, e a vicerreitora de Investigación da Universidade, Belén Rubio.

“O feito de que esta revista publique o estudo está revolucionando o mundo científico, dadas as posibles consecuencias clínico asistenciais sobrevidas en relación ao diagnóstico, prognóstico e orientación terapéutica da hipertensión arterial e risco cardiovascular; isto é, as conclusións deste estudo marcarán un antes e un despois no enfoque clínico destas patoloxías”, afirma o doutor Juan Crespo dun proxecto no que participaron 292 investigadores e investigadoras de 40 centros clínicos, maioritariamente da área sanitaria de Vigo, aínda que tamén contou coa participación de facultativos das áreas de Ourense, Pontevedra, Santiago e Lugo, pertencendo un 70% deles a centros de saúde do sur de Galicia. 

Nova definición de hipertensión

A principal conclusión que os investigadores obtiveron tras estes anos de traballo é que o risco cardiovascular está asociado coa elevación da presión arterial durante o sono, con independencia de que a presión medida na consulta médica ou cando o paciente estea esperto sexa normal ou alta. Ademais, o estudo demostra que reducir a presión durante o sono co tratamento hipertensivo reduce de forma significativa o risco de eventos cardiovasculares, converténdose así nun novo obxectivo terapéutico. Nese senso, o estudo conclúe que esta nova definición de hipertensión baseada na presión durante o sono e o perfil circadiano (variación da presión arterial ao longo das 24 horas) “indica que o 47% dos pacientes está mal diagnosticado”. 

Tratamentos máis efectivos pola noite

Outra das principais conclusións do estudo é que o risco cardiovascular nos pacientes con hipertensión diminúe considerablemente cando se lles administra a medicación pola noite, no momento de deitarse a descansar, en lugar de tomala cando se levantan. “Temos demostrado que as posibilidades de sufrir un accidente vascular, como un infarto, insuficiencia cardíaca ou ictus redúcense nun 53% cando o tratamento hipertensivo se toma pola noite en vez de pola mañá”, salienta Hermida, investigador do centro AtlanTTic e docente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Estas conclusións son o resultado de once anos de investigación, nos que se estudou a 18.078 pacientes, cunha media de seguimento de cinco anos por paciente. “Trátase do maior estudo de risco cardiovascular prospectivo realizado nunca”, engade o catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións. O estudo, sinalan os seus responsables, é especialmente significativo dada a alta prevalencia da hipertensión, que afecta a un 40% da poboación, incrementándose nos rangos de maior idade, chegando a afectar ao 70% das persoas maiores.

Monitorización da presión arterial

Aos a ás pacientes incluídos neste estudo realizábanselle unhas probas consistentes nun seguimento mediante unha monitorización ambulatoria de presión arterial (AMPA), realizada a través dun aparato que se lle entregaba ao paciente no centro de saúde e que debía portar durante dous días para que cada 20 ou 30 minutos lle medise a tensión. Conseguíase así unha medición continuada durante todo o día, o que permitiu aos investigadores identificar que o risco cardiovascular está asociado á elevación da presión arterial durante o sono e non cando o paciente está esperto. De aí que os responsables do Proxecto Hygia conclúan que “o MAPA debe ser a forma requirida de diagnóstico da hipertensión”, sobre todo en persoas de maior risco, como maiores de 60 anos ou pacientes con diabetes ou enfermidade renal crónica, a fin de previr riscos cardiovasculares. 

O Proxecto Hygia supuxo así mesmo, lembra a Consellería de Sanidade nun comunicado, “unha proba da viabilidade e eficiencia de implantar unha rede para a incorporación progresiva da MAP nos centros de atención primaria que, mediante un informe estandarizado como o utilizado neste estudo, permita mellorar o diagnóstico da hipertensión verdadeira, avaliar a resposta ao tratamento e reducir a prevaleza dos eventos cardiovasculares”. 

Varios premios internacionais

As conclusións desta investigación fóranse xa avanzando segundo se ían coñecendo os resultados parciais da observación dos pacientes nos últimos anos, o que lle valeu ao grupo investigador varios recoñecementos e premios en distintos congresos nacionais e internacionais. “Estes premios e conseguir a publicación do artigo na revista son un recoñecemento ao traballo ben feito e esperamos que esta investigación sirva para cambiar determinadas prácticas á hora de administrar os medicamentos aos pacientes con hipertensión arterial. De feito, xa hai países que optaron pola alternativa de medicar a estes pacientes pola noite, xa que os medicamentos demóstranse moito máis eficaces cando actúan durante o período de descanso e de soño do paciente”, salentan os coordinadores da investigación.