DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A instalación de 70 m² están abertas á cidadanía

O rocódromo do campus de Vigo consolídase como un dos mellores de Galicia

No pavillón desenvólvense distintas actividades de escalada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Ana Proupín DUVI 15/02/2019

Co obxectivo de promocionar estilos de vida saudables, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo reformou e ampliou recentemente o rocódromo situado no pavillón deportivo do campus vigués na procura dun incremento de usuarias e usuarios e da consolidación da actividade da escalada entre a cidadanía en xeral, e non só entre a comunidade universitaria. O espazo, cun grao máximo 7c de dificultade, conta na actualidade cunha superficie escalable de 70 m², 12 metros de altura e un boulder de 16 metros de lonxitude. 

Para dinamizar este espazo, a Universidade organiza diferentes actividades dirixidas a todos os públicos dado que a institución académica busca normalizar o uso dun rocódromo que Eduardo Costas, técnico especialista en actividades deportivas da institución, explica que no último trimestre do ano “empregaron por libre o muro de escalada 55 persoas, a maioría delas da comunidade universitaria (85.45%) rexistrándose ademais unha diferencia no uso das instalacións entre sexos: 40 homes fronte a 15 mulleres”.

Un abano de posibilidades para practicar escalada

Para adaptarse ás preferencias de cada persoa, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece diferentes opcións para o uso do rocódromo: individual, reserva da instalación, actividades dirixidas e cursos de iniciación. A reserva individual pode realizala calquera persoa da comunidade universitaria que estea en posesión do título de iniciación á escalada, “razón principal pola que se fan os cursos na propia institución”, explica o técnico especialista de actividades deportivas, Alexandre Sanjorge, e calquera persoa allea que teña a licenza federativa.

Por outra banda, dentro da oferta das actividades dirixidas no pavillón universitario, a escalada ten o seu oco os martes entre as 12.30 h e as 14.30 h para as persoas beneficiarias do abono muver. O monitor do rocódormo e técnico de montaña do Club Peña Trevinca Ignacio Rodríguez Pequeno explica que “a esta actividade veñen persoas de todo tipo, as que queren probar a escalada e ás que lles gusta e grazas á universidade, poden adestrar”. Roberto Cabanelas Orge, estudante de Enxeñería Industrial, asiste regularmente a esta actividade porque é “unha boa experiencia para tomar contacto coa escalada. Comecei por probar porque teño vertixe e estou encantado, voume superando”. Artur Fariñas Pedreira, estudante do mestrado en Dirección e Planificación do Turismo Interior e da Saúde, asiste á clase por primeira vez porque “estou interesado na escalada ao aire libre, quero probar a sensación e tamén ver se son quen de poder facela”. 

Ademais, as fins de semana realízanse cursos de iniciación que permiten obter o título para escalar de forma libre, isto está a axudar a que a xente “se federe e coñeza as normas, o que permite que se poidan reservar as instalacións e darlles máis usos”, detalla Sanjorge.

Camiño de ser “o mellor de Galicia”

No ano 2016, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, a Federación Galega de Montañismo e a Universidade asinaron un convenio para facilitar e promocionar as actividades de escalada que se materializou recentemente coa posta en marcha dun proceso de mellora do rocódromo, antes máis pequeno e cun uso unicamente vertical. Sanjorge explica que nunha primeira fase mudaron agarres, cambiaron as zonas de seguridade e pintaron as instalacións doutra cor co obxectivo de promocionar a escalada. 

Na segunda fase ampliouse o espazo deportivo coa prolongación de tres metros das vías verticais e coa instalación do boulder, un engadido que permite a escalada en travesía. A día de hoxe os técnicos están inmersos no deseño do próximo acondicionamento do espazo, “queremos cubrir toda a parede onde está o rocódromo para dedicala unicamente á escalada e conseguir así o mellor de Galicia”, engade Sanjorge. O técnico de montaña Ignacio Rodríguez Pequeno sinala que están no camiño de ser “os mellores de Galicia, actualmente hai unha zona de boulder moi ampla e coa reforma engadimos tres metros de lonxitude ás vías pero aínda nos queda unha última fase”.