DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O número de andainas realizadas ascende a 200

As rutas culturais celebran 20 anos percorrendo Galicia

Co gallo do aniversario repetirase o primeiro roteiro, feito en febreiro de 1999

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/02/2019

As rutas culturais da Universidade de Vigo celebran este curso académico 20 anos de existencia. En febreiro de 1999, “cando aínda non tiñamos móbil nin GPS nin había tradición de andainas”, arrancou unha programación que, destacan os seus promotores, sitúa á Universidade de Vigo “como pioneira en Galicia”. Este mes levaranse a cabo varios actos que terán como obxectivo lembrar esa “historia camiñando xuntos e homenaxear ás persoas e entidades que o fixeron posible”.  

“Despois de 20 anos, as rutas culturais están plenamente consolidadas e son un referente nas nosas actividades pero no seu día a súa programación foi unha das precursoras das andainas en Galicia. Sentímonos moi orgullosos de ter sido un dos primeiros programas de rutas que axudaron a difundir a cultura do sendeirismo en Galicia e do feito de que a xente que nos acompañou estes anos ten unha visión máis enriquecedora da xeografía e da cultura galegas”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Ao longo destas décadas, engade, “as andainas mantiveron o espírito de que todo o mundo puidese participar, independentemente da idade e da súa condición física, e a súa finalidade cultural e non só deportiva”.

Sobre esta iniciativa, José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense desde as súas orixes, sinala como a idea partiu do encargo que lle realizaron en 1999 os entón responsables do campus e do seu Servizo de Deportes Xosé Manuel Cid e Pino Díaz, de facer, coincidindo co Ano Xacobeo, o Camiño a Santiago desde Ourense. Co obxectivo de preparar a realización dese traxecto, explica García-Calvo, deseñouse un programa de dez andainas a desenvolver entre febreiro e abril.  “Pero como andar por andar nos parecía demasiado primario, que tiña que haber algo máis, a profesora Beatriz Vaquero propuxo a idea de engadir o cultural”, comenta o coordinador dos roteiros. A primeira das rutas foi o 6 de febreiro de 1999 coa participación de 25 persoas que percorreron a contorna de Ourense, concretamente o embalse de Cachamuiña, o Castro de San Tomé, Ceboliño e Montealegre.   

Facendo memoria

Tras este arranque o curso seguinte, detalla José García-Calvo, as rutas xa comezaron desvinculadas da realización do Camiño de Santiago e cunha programación que se desenvolvía ao longo de todo o curso, como acontece na actualidade. A medida que se consolida a actividade, comenta, ampliouse o seu arco de actuación, incorporándose os campus de Vigo e Pontevedra no ano 2006 a esta iniciativa e ampliando o radio xeográfico de acción. “Cando empezamos traballábamos con mapas e era todo máis artesán. A partir de arredor de 2008 empézanse a empregar procedementos modernos que xa nos permiten abrirnos a toda Galicia”, explica o coordinador dos roteiros. Nesa modernización, apunta García-Calvo, foi fundamental o papel xogado polo persoal de apoio e bolseiros das rutas culturais.

Respecto ao desenvolvemento das rutas durante estes 20 anos, José García-Calvo destaca as súas cifras: 20 anos, dez rutas por curso académico, cunha media de 70 ou 80 participantes por andaina. Tamén pon o aceno no feito de que desde o primeiro momento o número de mulleres foi maior que o de homes e que do total de rutas “repetidas pode haber un 20% pero tendo en conta que son repetidas para determinadas persoas”. Alén das cifras, José García-Calvo subliña como unha das notas características e un dos valores destas rutas é a converxencia de tres xeracións nelas: de estudantes de arredor de 20 anos; de persoal docente e investigador e de persoal de administración e servizos, de 40 ou 50 anos, e de xente externa, de 60 e 70 anos. “Temos percorrido Galicia”, afirma García-Calvo, que lembra como a Universidade de Vigo é pioneira neste tema. “Galicia empeza a coñecer o territorio a través das andainas e as andainas nacen Ourense e a Universidade xoga un papel fundamental niso”, resume.

No marco da celebración deste 20 anos, a Área de Benestar, Saúde e Deporte e a Vicerreitoría do Campus de Ourense teñen previsto a celebración de varios actos este mes de febreiro. Un deles consistirá nun “recoñecemento a toda a xente que leva colaborando con nós desde 1999” e outro será a realización o día 23 de febreiro da andaina levada a cabo o 6 de febreiro de 1999, cun percorrido que se iniciará no campus ás 10.15 h e que rematará outra vez nel cunha comida de festexo.