DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición da exposición ‘Proxecto táctil’, promovida coa colaboración da ONCE

A Sala X convida a contemplar arte cos ollos pechados

A mostra reúne obras de nove estudantes e ex-alumnas de Belas Artes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/06/2019

Reunir obras que polas súas características, texturas, materiais e relevos poidan ser percibidas a través do tacto é o propósito de Proxecto táctil, a exposición que desde este luns reúne na Sala X as obras de nove estudantes e ex-alumnos da Facultade de Belas Artes. Comisariada pola decana en funcións, Silvia García, a exposición pon á disposición das e os visitantes uns antefaces que lles permitan coñecer esta serie de obras valéndose das súas mans. Por outra banda, grazas á colaboración da ONCE, a mostra, que poderá visitarse ata o 12 de xullo, recibirá tamén as visitas de diferentes grupos de persoas con discapacidade visual.

Segundo explicou García na súa inauguración, na que estivo acompañada polo director da Área de Cultura, Educación e Integración do campus, Manuel Morquecho, a exposición tivo como punto de partida unha convocatoria que buscaba reunir unha serie de obras que fosen orixinariamente concibidas para ser percibidas a través do tacto ou que polas súas características se adaptasen a este obxectivo. Finalmente seleccionáronse once pezas, presentadas por Gabriela Lusquiños, Pilar Picas, Wendy Blanco, Doira Barrio, Laura Álvarez, Renata Sierra, José Eiras, Alejandra Lago e Thomas Apostolou, “artistas que nalgúns casos xa participaran en edicións anteriores”, apunta García, que explica que esta é a terceira edición da exposición que en 2017 tomou o relevo de Tactilicia, o proxecto impulsado en 2015 desde a delegación de alumnado do centro co propósito de convidar ao estudantado a crear obras para persoas invidentes.

Obras concibidas para ser tocadas ou que se completan co tacto 

“Facer un traballo no que primase o táctil parecíame un reto”, recoñece Doira Blanco, que achega a esta exposición un cadro que "nega a parte visual", totalmente negro a primeira vista, pero que contén letras en relevo nas que se pode ler 'no me consta'. “Fala sobre o uso e manipulación da linguaxe”, explica esta alumna sobre unha peza na que optou por materiais que fixesen brando ese relevo, de tal xeito que “cando o tocas, podes esconder as palabras”.

“Xa participara o ano pasado e gustoume moitísimo a experiencia de ver como as pezas son percibidas por xente que non as ve”, engade Alejandra Lago, que presenta unha obra, Torsión, caracterizada polo uso de materiais téxtiles. “É como un corpo que se retorce, que pretende expandirse pero ao que os fíos non lle permiten volver ao seu estado orixinal”, explica esta estudante de doutoramento dunha peza que non naceu orixinariamente para ser percibida a través do tacto. Tampouco creou especificamente con ese obxectivo as obras que presenta a ex-alumna Gabriela Lusquiños, que, non obstante, recoñece que “quizais se non se tocan, non se poden chegar a entender de todo”. Trátase de dúas das pezas da súa serie As sete pecadoras, na que denuncia como en séculos pasados as mulleres eran calificadas como "histéricas, simplemente porque tiñan clítoris", a través de representacións deste órgano sexual para as que emprega diferentes tecidos e texturas.

Comisaria de Tactilicia, o proxecto ao que deu continuidade esta exposición, a egresada Pilar Picas participa como artista nunha mostra á que achega unha peza, Carozo, na que se vale de mazurcas de millo, “que era o que a miña nai empregaba para xogar ás bonecas”, para reflexionar sobre a infancia. Por outra parte, Picas presenta tamén nesta mostra cunha segunda obra que realizou a partires do corazón dunha folla de palmeira e na que aborda “a paz despois da tormenta e o que dela pode florecer”.

Visita do alumnado da ONCE

A terceira edición de Proxecto Táctil recibirá este martes a visita dun grupo de 15 mozos e mozas con discapacidade visual que participan nos campamentos de verán que promove o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra. Visita que permitirá así mesmo, explica García, recoller información respecto de como é “a súa apreciación estética” desta serie de obras, “observar como as tocan e que lles gusta”. No marco desta exposición e en colaboración tamén coa ONCE, García proxecta poder repetir esta recollida de datos con persoas adultas con discapacidade visual, co obxectivo de coñecer tamén se existen diferencias nese xeito de percibir as obras.