DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto desenvolvido por Montse Piñeiro e Laura Iturralde nunha das Residencias Paraíso

A Sala X énchese de obxectos para que o público cree a súa propia historia

O xoves complétanse as xornadas de portas abertas desta instalación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/10/2018

Tituladas en Escenografía pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, Montse Piñeiro e Laura Iturralde decidiron darlle volta en Fío, a instalación que nas últimas semanas desenvolveron na Sala X, á idea de empregar obxectos e elementos de escenografía como un xeito de completar e ambientar unha historia xa trazada. No proxecto que desenvolveron na sala de exposicións da Vicerreitoría tras ser seleccionadas na convocatoria das Residencias Paraíso, unha iniciativa promovida polo colectivo RPM en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, os obxectos son o punto de partida de múltiples historias, xurdidas da “libre interpretación” do espectador dunha instalación que protagoniza unha serie de xornadas de portas abertas, que se completan este xoves. 

A decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, e os representantes do Colectivo RMP Félix Fernández e Alexis Fernández acompañaron este mediodía as artistas na presentación dun proxecto froito de tres semanas de traballo na Sala X, un dos espazos que se incorporou este ano como unha das sedes das Residencias Paraíso. Un total de 81 proxectos de investigación e creación artística concorreron neste 2018 á segunda edición desta convocatoria de carácter estatal, aberta “ás artes vivas no seu sentido máis amplo”, como sinala Félix Fernández, quen incide en que se trata dunha iniciativa que “pon o foco nos procesos creativos”, máis que no propio resultado final, aínda que estas deban completarse cun “intercambio coa comunidade local”, como as xornadas de portas abertas. Neste mesmo senso, a decana de Belas Artes e coordinadora da Sala X subliñou a importancia de “que iniciativas como esta, que parten dos colectivos”, contribúan a facer desta sala de exposicións “un espazo no que tamén se visibilizan os procesos de traballo”, nunha iniciativa “realmente interdisciplinar”.

Un posible crime, múltiples historias

Unha máquina de escribir, unha gravadora, unha cámara de fotos, unha botella ou un caderno son algúns dos obxectos que Iturralde e Piñeiro dispuxeron no espazo central da Sala X para que as e os visitantes poidan ir construíndo as súas propias historias. Previamente, fáiselle entrega dun formulario no que se lle propoñen cuestións como “que cres que pasou, quen podes estar involucrado, como cres que sucedeu...”, como explica Piñeiro, quen sinala que a pesares de que “se insinúa dun xeito non moi evidente a idea dun crime”, o propósito da instalación é que os visitantes “poidan tomar dalgunha maneira o rol de actores, dramaturgos ou directores”, de tal xeito que “cada persoa que entra fai unha lectura do que sucedeu”.

Non en van, o punto de partida de Fío, “un dispositivo escénico a disposición da imaxinación das persoas participantes e a súa capacidade para a fábula” é, como engade Iturralde, “contar historias a partir dos obxectos", promovendo a interacción da e o visitante cos diferentes elementos presentes na sala, de tal xeito que a propia historia “se vai modificando e ampliando” cos cambios que supón cada visita. 

Finalmente, as historias recollidas nos diferentes formularios preséntanse no espazo destinado a videocreacións da sala, onde pode coñecerse tamén a evolución do proxecto ao longo das tres semanas de residencia. “Moitos dos obxectos proveñen de casa vellas, son obxectos que atopamos nalgún momento das nosas vidas e é moi interesante ver como a xente está creando historias con eles”, engade Iturralde desas lecturas que o público vai dando á instalación na que tamén “é moi interesante ver a conexión entre unha historia e outra, como persoas que se fixaron nun mesmo obxecto constrúen dúas historias totalmente diferentes, pero cun nexo común”. 

Con visitas de entre 20 e 30 minutos de duración, abertas a un máximo de tres persoas por quenda, Fío é protagonista nestes días dunhas xornadas de portas abertas que continúan na tarde de hoxe martes en horario de 15.00 a 18.00 horas e o xoves de 12.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas.