DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concerto que se celebrou na sede do RC Celta

Salustiano Mato pon fin á súa etapa á fronte da Universidade de Vigo arroupado polas cantigas do Pergamiño Vindel

Coa participación entre outros de Uxía, Roi Casal, Abe Rábade ou Yolanda Castaño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Música
  • Institucional
DUVI 29/05/2018

“Hai quen di que a gratitude en silencio carece de valor real”. Por este motivo, o reitor en funcións, Salustiano Mato, despediuse este martes do cargo cun concerto dedicado ás cantigas de Martin Codax para expresar o seu “agradecemento por ternos acompañado ao longo dos últimos oito anos”. A algo máis dunha semana da toma de posesión de Pachi Reigosa como reitor, que se celebrará o día 8 de xuño, Mato decidiu recorrer ao Pergamiño Vindel, un dos principais fitos do seu segundo mandato, para dicir adeus ao cargo de reitor, que exerceu dende 2010. Nomes destacados da música galega como Uxía, Roi Casal, Abe Rábade, Eladio Santos ou Yolanda Castaño foron os encargados de poñer voz ás sete cantigas de Martin Codax que compoñen o pergamiño, nun concerto que tivo lugar na nova sede do RC Celta de Vigo na rúa Príncipe.

Esta actuación “é unha mostra do agradecemento do equipo de goberno” e recolle a colaboración desinteresada de destacados artistas “que permite que a xoia do Vindel chegue non só a verse a través dos artistas ou a lerse a través dos poetas, senón tamén a escoitarse a través dos músicos”, sinalaba Mato. O reitor en funcións quixo agradecer o apoio “da comunidade universitaria, do resto do equipo de goberno e todos e todas os que fixeron posible que sexamos o que somos agora” e tivo palabras tamén para “todos os que nos acompañastes de distintas institucións, empresas, asociacións culturais e veciñais e amigos e amigas”. Referiuse con especial agarimo ao RC Celta, lembrando “o grito Campus do Mar Xa! en Balaídos en 2010 con 20.000 voces falando ao mesmo tempo”. 

Sete voces e sete estilos para cantar o Pergamiño Vindel

Dende a lírica medieval ata o pop ou o rock, artistas como Uxía, Roi Casal, Abe Rábade ou Eladio Santos interpretaron as súas propias versións das sete cantigas, que se recollen un Cd que acompaña a un número especial da revistas Gallegos sobre o Pergamiño Vindel. A cantiga primeira, Ondas do Mar de Vigo, correu a cargo de Roi Casal abrindo o recital. Tras el, Uxía subiuse o escenario para dar vida á segunda cantiga, Mandad’hei comigo, e Eladio Santos para a terceira, Mia irmana fermosa, treides comigo. O grupo Martin Codax musicou a cuarta cantiga, Ai Deus! se sab’ora meu amigo, mentres que a quinta, Quantas sabedes amar amigo, correu a cargo de Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo. Para as dúas últimas pezas os artistas convidados foron a poeta Yolanda Castaño, que recitou Eno sagrado, en Vigo e Abe Rábade, que tocou ao piano a derradeira cantiga, Ai ondas que eu vin ver. Todos eles puxeron o punto final ao concerto volvendo a interpretar, pero de forma conxunta e unindo diferentes estilos e maneiras de entender a música, Mia irmana fermosa.

Ao concerto asistiron destacados persoeiros da vida política, económica, social e cultural de Galicia, como o presidente o Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal ou o vicepresidente do RC Celta, Pedro Posada. Algúns deles tiveron palabras de valoración sobre o fito da presencia do Vindel en Vigo e sobre a etapa que remata de Mato ao fronte da Universidade de Vigo. O pintor Antón Lamazares, que participou no número da revista Gallegos, amosouse “moi contento” de ter colaborado coa Universidade, “todo o que sexa axudar á cultura está ben e o Pergamiño Vindel e a súa exposición en Vigo era algo necesario” para poñer en valor o mundo medieval. Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento galego, tamén fixo fincapé na estadía do Pergamiño en Vigo, “que marcará un antes e un despois para Galicia”.  Quixo tamén reivindicar “como ourensán que son” o Campus da Auga, “unha mostra da aposta deste equipo de goberno polo campus de Ourense e pola provincia”. Teresa Pedrosa, delegada do Goberno na Zona Franca, foi outra das convidadas a este concerto, e valorou tamén moi positivamente “os seis anos nos que coincidín con Salustiano Mato, a Zona Franca non podería ter abordado a maioría dos proxectos vinculados á innovación e á transferencia sen o apoio decidido da Universidade, unha alianza estratéxica que espero que continúe co novo equipo”.