DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con conferencias, teatro científico e a entrega dos premios do Concurso de Fotografía Científica

O San Alberte sortea a alerta vermella

As actividades ao aire libre, como o magosto ou os xogos populares, adiáronse

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/11/2019

A climatoloxía non era a mellor aliada este xoves para a celebración do San Alberte, o patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. Mentres as actividades en interior se mantiveron, a organización decidiu adiar o magosto e os xogos populares para o vindeiro día 21.

O programa arrancou a media mañá co relatorio de Mª Victoria Besada, directora do Centro Oceanográfico de Vigo, no que explicou como se organiza, en que traballa e que proxectos se desenvolven no IEO, Instituto Español de Oceanografía, entidade pública da que depende o centro vigués. Nas instalacións de Cabo Estai desenvólvense investigacións en eidos como a acuicultura, a contaminación mariña, as microalgas nocivas, a oceanografía física o zooplancto ou as pescarías. Con máis de 120  investigadoras e investigadores, este laboratorio leva dende 1917 desenvolvendo proxectos e ofrecendo asesoramento científico en diferentes eidos relacionados co medio mariño.

Tras o relatorio sobre o IEO chegou unha das novidades desta edición de San Alberte, un espectáculo de teatro científico e musical da man do divulgador e xornalista Manuel Vicente, o actor César Goldi e o pianista Juanjo Fernández. Baixo o título Elemental, piano-bar periódico repasaron no salón de actos a historia dos intentos por categorizar os elementos que compoñen a materia.

A xornada completouse coa entrega dos premios da décimo sexta edición do Concurso de Fotografía Científica, ao que se presentaron un total de 27 imaxes, como explica Manuel A. Pombal, vicedecano de Relacións Externas e Actividades Culturais da Facultade de Bioloxía. Respecto da calidade das fotos, apunta que é moi variada, “algunhas delas son moi boas e moi orixinais”, pero entre as características que máis inflúen no resultado final das obras tamén está, como remarca o docente, o tamaño da foto e a calidade da impresión.

Paralelamente a estas actividades, o edificio de Ciencias Experimentais acolleu dende o luns e ata hoxe a sétima edición da Exposición de Cogomelos, que se completou un obradoiros de identificación, saídas de campo e sesións formativas.