DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal acolleu unha serie de relatorios e actuacións musicais no día do seu patrón

San Leandro reúne conferencias, homenaxes e celebración

Tamén se levou a cabo un acto de lembranza ao persoal da Universidade falecido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 11/04/2019

Conferencias, homenaxes, música e celebración conflúen este xoves na Escola de Enxeñaría Forestal, que celebra nesta xornada o día do seu patrón, San Leandro, cunha serie de actividades que arrincaron esta mañá coas conferencias organizadas por un grupo de estudantes de terceiro curso. Concretamente, a xornada arrincou co coloquio no que Carlos Pino, da sociedade cooperativa xuvenil Pouso da Serra, abordou como puxeron en marcha unha explotación caprícola e apícola, nunha actividade que tiña por obxecto achegar ao alumnado unha experiencia de emprendemento, explican desde a organización. A continuación, a actividade trasladouse ao exterior do centro, onde Adolfo Abraldes, de Cerne Arboricultura, achegou ás e aos estudantes unha serie de nocións prácticas sobre poda de árbores, para pechar este ciclo de coloquios, que daban continuidade ás Xornadas Forestais 2019, co relatorio no que a profesora do centro e investigadora do CIF Lourizán Raquel Díaz abordou a problemática que supón o nematodo da madeira do piñeiro para esta especie e as iniciativas levadas a cabo no marco do programa de mellora xenética do Pinus pinaster na busca dunha maior resistencia a esta enfermidade.

Como é tamén tradición nesta xornada, persoal da escola promoveu este mediodía un acto de lembranza os membros da comunidade universitaria falecidos, aos que se recordou cunha ofrenda floral, precedida dun minuto de silencio no seu recordo, nun acto que contou coas intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director da EE Forestal, Juan Picos, e que abriu o grupo de música tradicional do campus. Esta homenaxe viuse sucedida á súa vez por un xantar de confraternidade no centro, no que as actividades promovidas polo alumnado continúan pola tarde coas actuacións dos djs Lamora, Yardel, Yaggo e César Ríos.

Por outra banda, esta xornada do xoves viu marcada no campus tamén pola celebración de diferentes iniciativas no marco da Semana da Creatividade e da Innovación, como a creación dun mural con material de refugallo na estrada situada entre esta escola e CCSS e da Comunicación, ou a actividade que permitiu achegarse á realidade virtual, a través duns lentes HTC Vive, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.