DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da UVigo é elixido académico de número da entidade

Santiago Lago, novo membro electo da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras

No seu discurso de ingreso falará sobre estabilidade fiscal e orzamentaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 09/11/2020

O catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Santiago Lago vén de ser elixido académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras (RACEF). Agradecendo ao membros da entidade a súa elección por unanimidade, Santiago Lago recibe este recoñecemento salientando como “é unha honra” pasar a formar parte “dunha institución tan reputada e importante” e comprometéndose a “traballar todo o que poidamos para deixar ben o nome da Universidade de Vigo”.

Para Santiago Lago, este recoñecemento á súa traxectoria tamén o é para a Universidade de Vigo. Así, recalca, “eu sempre incido na enorme importancia que ten a institución onde estás: somos o que a institución nos permite que sexamos e o que nos axuda a ser”. Por este motivo, quere aproveitar esta ocasión para agradecer o apoio recibido nos 20 anos que leva traballando na UVigo, nomeadamente o apoio dos diferentes equipos reitorais. “Teño clarísimo que unha boa parte deste recoñecemento ten que ver coa Universidade de Vigo”, afirma o catedrático, o primeiro desta institución académica que é nomeado académico de Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras.

Na cerimonia de ingreso, pendente de datar debido á situación provocada pola pandemia, Santiago Lago ofrecerá un discurso no que abordará o problema do déficit estrutural que sufre España. Como recoñecido especialista en financiamento público, o novo membro electo abordará as novidades que presentan os orzamentos xerais do estado presentados polo goberno, as dificultades para o cumprimento dos obxectivos fiscais e o marco legal da estabilidade fiscal a nivel comunitario, hoxe en revisión polos efectos da pandemia, e as políticas europeas de recuperación. Nunha conxuntura “absolutamente extraordinaria” provocada pola covid-19, na que en Europa hai unha “suspensión temporal das regras fiscais do 20/21” e unha discusión “de se hai que mudar as regras vixentes”, Santiago Lago comenta que o seu discurso “tocará tanto as regras europeas como o plan de estabilidade orzamentaria que deberemos ter en España para volver a unha situación de normalidade”.

Contribuír ao coñecemento

A Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras é unha corporación oficial de carácter científico e técnico que ten por obxectivo a investigación, estudo e fomento das ciencias económicas e financeiras. A entidade está dividida en castro seccións que abranguen as ciencias económicas; a técnica económico-contable e financeira; a psicoloxía e ciencias sociais e a lexislación e xurisprudencia. Os seus académicos e académicas de número, entre os que xa está Santiago Lago de xeito electo ata o seu discurso de ingreso, son elixidos, segundo explica a entidade, “entre as persoas que se distingan polos seus coñecementos nas ramas da corporación”. Estes académicos de número constitúen o núcleo da entidade e deben, entre outras funcións, “contribuír ao progreso da ciencia”. Santiago Lago asume este cargo co compromiso de “contribuír na medida en que se poida”. “Eu son unha persoa á que sempre lle gusta contribuír, gústame achegar cousas, dinamizar, non me gusta ser testemuña, gústame participar, axudar, empurrar, sempre cunha lóxica de equipo”, indica o catedrático da UVigo, que fai fincapé en como “en investigación, en ciencia, en transferencia, o dinamismo é fundamental”.

Santiago Lago, ademais de catedrático da UVigo, dirixe o grupo de investigación Gen (Governance and Economics Research Network), con sede na Facultade de Cienicas Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e é editor executivo da revista Hacienda Pública Española / Review of Public Economics. O profesor dirixe asemade a Red de Investigadores en Financiación Autonómica y Descentralización Financiera en España, o Foro Económico de Galicia e a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. É ademais investigador asociado do Institut d'Economia de Barcelona da Universitat de Barcelona e é colaborador da Fundación de Cajas de Ahorros (Funcas), entre outros méritos.