DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolle este xoves un concerto do guitarrista de Xosé A. Rodríguez

Saudade e música clásica centran dúas novas citas sonoras na Casa das Campás

O xoves 14 actuará o quinteto Lys, integrado por mestres do CMUS Manuel Quiroga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/06/2018

Unha serie de composicións para guitarra de diferentes épocas e estilos que teñen como nexo de unión a saudade e dúas obras para quinteto de Mozart e Brahms de gran dificultade técnica e musical protagonizan as dúas novas actuacións musicais que, este xoves 7 e o vindeiro xoves 14, se suman á programación cultural da Vicerreitoría do campus. Con entrada libre ata completar aforo, a Casa das Campás acolle este xoves ás 20.00 horas o concerto de guitarra clásica Paisaxes da saudade, a cargo do músico e profesor no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela Xosé Antonio Rodríguez. Sete días máis tarde e á mesma hora, actuará neste espazo o quinteto Lys, integrado por cinco músicos e docentes do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra, que nun concerto tamén con entrada libre interpretarán o Quinteto con clarinete en La maior K581 de Mozart e o Quinteto con clarinete en Si menor op. 115 de Brahms.

Estrea dun recital articulado en torno á saudade

O guitarrista Xosé A. Rodríguez protagonizou ao longo da súa traxectoria numerosos concertos, tanto como solista como en agrupacións de cámara, á vez que series de recitais e monográficos centrados en compositores como o paraguaio Agustín Barros, do que gravou tamén varias obras. Rodríguez, que en 2013 colaborou nun proxecto discográfico para o selo Itinerant Classics e que forma parte do cuarteto especializado de música contemporánea Azosso, chega este xoves á Casa das Campás para presentar por primeira vez un concerto no que reúne obras nas que a guitarra é a principal protagonista, pero vista “desde unha perspectiva novidosa, a coincidencia temática entre obras de autores moi diferentes que teñen en común a saudade como fonte de inspiración para as súas obras”.

A saudade “das paisaxes e os tempos vividos, a morriña pola xuventude perdida e polas súas paisaxes, os lugares reais que nos marcaron e tamén os espazos que recreamos coa memoria, cargados de toda a simboloxía e subxectividade que lles dá o paso do tempo”, apunta o guitarrista, constitúen os motivos centrais dun concerto no que interpretará un repertorio conformado pola serenata romántica Soirées d' Auteil do compositor Napoleón Coste; a Sonatina que o arxentino Jorge Morel formula “unha evocación das paisaxes e da música escocesa”; Julia Florida e Choro da saudade, do músico, escritor e dramaturgo Agustín Barrios, e Kuyunbaba, unha das pezas na que o compositor Carlo Domeniconi incorpora elementos da música turca.

Docentes que se unen para pór son a dúas “obras mestras”

Xacobe Lamas, David López, Fernando Ramón, Sergio Heredia e Virginia Lis son os cinco músicos que integran o quinteto que o xoves 14 interpretará na Casa das Campás dúas obras “de gran dificultade técnica e musical que, ademais, son auténticas obras mestras da historia da música”, como apunta Heredia. Profesores no CMUS Manuel Quiroga, “decidimos aproveitar a boa sintonía entre nós para abordar estas obras”, explica Heredia dunha formación á que deron o nome de Quinteto Lys e que centrará a súa primeira actuación en dúas obras para cuarteto de corda clásico ás que se engade o clarinete, “protagonista indiscutible”, como explica na obra de Mozart seleccionada, pero non así na de Brahms, “onde a densidade da escritura musical é  tal que todas as voces desenvolven un papel esencial”.

Numerosas actuacións como solista con diferentes formacións e ter traballado con directores como Plácido Domingo ou Antoni Ròs-Marbá son algúns dos fitos da traxectoria musical de Heredia, un dos violinistas dunha formación que conta tamén con Xacobe Lamas, quen ao longo da súa traxectoria ten formado parte de agrupacións musicais de distintos estilos, da Orquesta Ciudad de Granada á Banda Crebinsky, ademais de participado na creación e gravación de músicas para teatro e cine. A estes dous violinistas súmase ao clarinete Virginia Lis, que ademais de ter colaborado con algunhas das mellores orquestras do país, como a Real Filharmonía de Galicia, actuou tamén coa Filarmónica Portuguesa a Nationaal Jeugd Orkest holandesa ou a Neue Philharmonie München alemana. Completan o quinteto David López, á viola, integrante do cuarteto Dumka e do Ensemble Galería, que atesoura tamén unha extensa traxectoria como músico de orquestra; ao igual que o violoncelista Fernando Ramón, que foi membro da Orquesta Santa Cecilia de Navarra e da Orquesta Santa Cecilia de Pamplona.