DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza está organizada polo Centro de Medidas Electromagnéticas e a Universidade

A Science and Technology Organization da OTAN reúnese a próxima semana na Escola Naval Militar

Do 3 ao 7 de xuño, con 30 asistentes de sete países da OTAN

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Investigación
DUVI 31/05/2019

A Escola Naval Militar de Marín acollerá a próxima semana a 5ª xuntanza do equipo técnico da Science and Technology Organization da OTAN, un organismo que estuda os beneficios da xestión da firma radar dos buques. A cita está organizada polo Centro de Medidas Electromagnéticas (Cemedem), situado na Escola Naval Militar, e pola Universidade de Vigo e contará coa asistencia de 30 persoas en representación de sete países da OTAN. 

Na xuntanza presentaranse as capacidades dos dous novos sistemas de medida de firmas radar (DIAR) e infravermella (DIFI), financiados pola Dirección General de Armamento (DGAM) e desenvoltos pola Universidade de Vigo, que serán entregados ao Cemedem antes de finais deste ano.

A principal organización de investigación en ciencia e tecnoloxía da OTAN

A Science and Technology Organization é a principal organización de investigación en ciencia e tecnoloxía da OTAN e o seu obxectivo é satisfacer as necesidades colectivas da OTAN e das nacións neste campo. O traballo científico e tecnolóxico da STO é levado a cabo polos equipos técnicos, formados por expertos dos diferentes países da OTAN. Trátase de grupos temporais que se establecen dentro das áreas tecnolóxicas da STO para a realización de actividades específicas, que poden abarcar dende a realización de estudos sobre temas científicos, tecnolóxicos ou operativos ata a organización de eventos como simposios, conferencias e obradoiros, pasando pola realización de demostracións e experimentos tecnolóxicos.