DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano a cita será en Sevilla do 25 ao 27 de setembro

O sector biotecnolóxico galego exporá todo o seu potencial en Biospain 2018

“A Universidade ten un interese especial en visibilizar o seu potencial neste sector puxante"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Transferencia
DUVI 21/09/2018

O potencial biotecnolóxico de Galicia viaxará a próxima semana a Sevilla para participar en Biospain, o maior evento organizado arredor deste innovador sector. Os principais axentes galegos implicados nesta industria, e que novamente acoden á cita conxuntamente, son a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Coñecemento en saúde (ACIS) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN); o Clúster Saúde de Galicia (CSG), o  Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.   

Dentro dos obxectivos globais da delegación galega que participará en Biospain 2018, “a Universidade de Vigo ten un interese especial en visibilizar o seu potencial neste sector puxante, amosando tanto os centros de investigación e estruturas de I+D propias, coma o traballo e resultados acadados polos grupos de investigación da institución”, explica Ángeles López, directora da OTRI, a Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación. Deste xeito, a institución académica viguesa porá o acento nos centros Cinbio, Centro de Investigación Biomédica, e no CIM-UVigo, Centro de Investigación Mariña, e amosará unha oferta integrada por 26 grupos de I+D+i nos que desenvolven a súa actividade máis de 200 investigadoras e investigadores, así como un carteira de resultados no que figuran máis de 60 patentes. “O obxectivo é dar a coñecer á contorna socioeconómica as capacidades que posúe a Universidade de Vigo neste ámbito”, recalca a responsable da OTRI.