DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus protagonizou o sétimo almorzo do Foro Empresa Pontevedra

O sector empresarial achégase ao potencial innovador da Universidade

Jorge Soto centrou o seu relatorio nos perfís profesionais do futuro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/11/2019

Novas sinerxías para a creatividade e a innovación social é o título do relatorio co que o vicerreitor do campus, Jorge Soto, protagonizou na mañá deste martes o sétimo almorzo do Foro Empresa Pontevedra. Neste encontro con preto de 30 representantes do sector empresarial, Soto puxo de relevo o papel da institución académica en eidos como a innovación e o emprendemento. Na súa intervención, lembrou que a Universidade de Vigo reúne no seu conxunto máis de 1700 investigadores e investigadoras, capaces de captar recursos por máis de 25 millóns de euros. “A Universidade xera riqueza a través da investigación, das patentes, dos proxectos con empresas”, subliñou o vicerreitor, quen puxo o foco no potencial da institución académica no eido da innovación, “que ten dúas patas fundamentais, a transferencia e a investigación”.

Nun encontro que contou tamén coa presenza do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, o vicerreitor puxo en valor o campus pontevedrés, “que reúne preto de 4000 persoas”, así como o seu proxecto de especialización arredor da creatividade e innovación social e sustentable, xunto co feito de que se trate do único Green Campus de España. “Estamos xerando riqueza na cidade e temos moitas cousas que dicir”, salientou Soto, que, a continuación, centrou o seu relatorio no Catálogo de perfís profesionais de futuro, elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga). Trátase, lembrou, dun catálogo “que identifica macrotendencias tecnolóxicas, medio ambientais e socioeconómicas”, así como actividades que “nos poñen en relación coa que será a nova fisionomía do traballo e da universidade”. Entre elas figuran, sinalou, diferentes perfís profesionais vinculados aos ámbitos de traballo do campus, como os de técnicos ou especialistas en economía circular, construción sostible, cronicidade e novos modelos de atención, goberno dixital, innovación educativa ou téxtiles intelixentes.