DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares “Fronteiras 07”

Segunda parada: a Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Lourdes Otero DUVI 27/09/2007

Tralas residencias artísticas celebradas na Illa de San Simón e a vila portuguesa de Nodar, o I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares, Fronteiras 07, trasládase agora á Casa das Campás para continuar co seu programa de actividades.
O fío condutor do encontro é o tema transfronteirizo, analizado dende perspectivas tan variadas como a social, sentimental ou política, pero tamén destaca o concepto de diversidade, xa que no evento participan artistas de múltiples nacionalidades.
Roi Fernández e Luis Costa, presidentes das asociacións organizadoras, alg-a e Binaural, respectivamente, foron os encargados de presentar as sesións, que se desenvolverán ata mañá na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Programa

As actividadades comezaron hoxe coa proxección de “Paralelo 36”, “Aillados” e “Fronteiras”, tres documentais sobre a problemática transfronteiriza. Pola tarde, dúas conferencias centraron a xornada: a de Pedro Jiménez, membro do colectivo Zemos 98 e a de Ibrahim Niang, representante da asociación AIDA. O primeiro fixo unha exposición sobre “Fadaiat” e o “Border hack”, proxectos culturais desenvolvidos entre os territorios de España e o Magreb, e Tijuana e San Diego. Pola súa banda, Niang abordou o tema da inmigración africana. Xa para rematar, a sesión completouse coa presentación dos traballos que se levaron a cabo na Illa de San Simón.
Esta segunda parte do programa de Fronteiras 07 finalizará mañá coa presentación, ás 12.00 horas, dos traballos realizados en Nodar. A partir das 16.00 horas celebraranse os relatorios do resto de artistas convidados: Bojana Bauer, Mona Higuchi, Isabel Valverde e Xavier Fernández.
A partir do día 29, Fronteiras 07 trasladarase á vila portuguesa de Barcelos, onde terán lugar representacións de performances, conferencias e os resultados das residencias artísticas.
Como punto e final a esta iniciativa, a sala X da Facultade de Belas Artes acollerá, do 2 de outubro ao 13 de novembro, unha exposición dos proxectos artísticos desenvoltos no ámbito do encontro. Co fin de mostrar os traballos resultantes no país veciño, esta mesma mostra viaxará, o 20 de novembro, ás Termas de San Pedro do Sul en Portugal.