DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o sábado 4 de febreiro

A segunda ruta cultural achegarase a Pitões das Júnias, na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 31/01/2023

As rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, continúan este sábado, día 4 de febreiro, a súa programación. A segunda andaina deste cuadrimestre terá como destino Pitões das Júnias, na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (Portugal). Unha vez máis a inscrición está aberta á comunidade universitaria pero tamén á cidadanía en xeral.

A andaina consta de 16 quilómetros, ten unha dificultade media/alta (xa que nos seus dous últimos quilómetros hai que realizar unha subida pronunciada) e sigue o itinerario Fiães do Río, Paredes, Outeiro e Pitões das Júnias, realizando diferentes paradas interpretativas a cargo de persoal especializado. “Nesta ocasión faremos unha pequena travesía de sendeirismo que percorrerá a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés para coñecer os valores naturais e culturais dun territorio que non entende de fronteiras”, comentan desde a organización. Dentro do programa, detallan, visitarase as ribeiras do río Beredo, o foxo do lobo da Portela da Fairra, a fervenza de Pitões dás Júnias e o Mosteiro de Santa María das Júnias, entre outros enclaves. Do percorrido, José García Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais universitarias desde o campus de Ourense, subliña que “baixo o meu punto de vista, é das rutas máis bonitas que coñezo e coñezo moitas, a paisaxe é antolóxica”. Igualmente recalca a beleza dos pobos polos que discorre, a súa recuperación e a boa acollida que dan neles aos visitantes.  

110 prazas

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as rutas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).