DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 6 de novembro

A segunda ruta cultural deste curso transcorrerá polas fragas do río Barragán

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 03/11/2021

O sábado 6 novembro a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo celebrará a segunda ruta cultural deste curso académico. A andaina transcorrerán polas fragas do río Barragán, en Pazos de Borbén (Pontevedra). Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición terán prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén estará aberta ás persoas alleas a ela.

Cunha distancia de 18 quilómetros e unha dificultade media-baixa, a ruta circular que realizarán as e os participantes comezará e rematará en As Raposeiras e pasará por Freaza, Monte da Cidade, Fraga do Rei e As Lombas. A andaina, indican desde a súa organización, transcorrerá por “unha paisaxe de ribeira ideal para percorrer no outono, de corgas tapizadas dun verde musgo, rodeadas de carballeiras, pontellas, pontes e poldras”.

Como en cada roteiro, haberá autobuses que trasladarán ás e aos participantes desde os tres campus da Universidade de Vigo ao inicio de ruta. A inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de inscrición varía en función do colectivo de pertenza.

Próximas citas

Seguindo coa programación de andainas deste curso académico, o 20 de novembro celebrarase a terceira das rutas culturais, que se achegará á Illa de Arousa (Pontevedra). Con 20 quilómetros de distancia e dificultade baixa-media, será, indican desde a organización, “un percorrido circular arredor da Illa de Arousa; unha oportunidade única para descubrir o complexo intermareal Punta de Carreirón, as súas praias e espazos naturais. Pero tamén a ocasión perfecta para visitar aldeas mariñeiras onde comprobar a convivencia harmónica secular do ser humano co medio”.

Por último, a programación deste primeiro cuadrimestre pecharase o 11 de decembro cunha andaina que leva por título Ermida de San Mamede-Pozo dos Mouros (Vilar de Barrio, Ourense). Cunha distancia de 15 quilómetros e unha dificultade media, desde a organización dos roteiros indican que é “unha das rutas de montaña máis fermosas que a día de hoxe poden facerse na serra de San Mamede, combinando as paisaxes de ribeira e prado no fondo do val, cos amplos horizontes e inigualables panorámicas do alto da montaña”. O itinerario que seguirán as e os participantes será Rebordechao, Pozo dos Mouros, capela de San Mamede e Rebordechao.