DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das xornadas que a CJS celebrará na sede da Vicerreitoría do 2 ao 4 de decembro

As seis cátedras dedicadas a Saramago constituiranse en Pontevedra nunha rede internacional

O evento porá en relación a obra e traxectoria do escritor cos "desafíos do noso tempo"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/10/2019

Neste 2019, o campus de Pontevedra exercerá de novo como sede das xornadas coas que a Cátedra  Internacional José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo propón unha abordaxe multidisciplinar da figura e obra do Nóbel portugués. Entre o 2 e o 4 de decembro, desenvolveranse na sede da Vicerreitoría as IV Xornadas Internacionais José Saramago, que, baixo o título de Saramago e os desafíos do noso tempo, porán o foco no labor do escritor portugués “como activista político, como defensor incansable dos dereitos humanos, do ecoloxismo, da igualdade dos xéneros, das culturas minorizadas...”, salienta o director da CJS, o profesor Burghard Baltrusch. Na celebración destas xornadas, que contan co apoio e colaboración da Vicerreitoría do campus, inserirase ademais a constitución da Rede Internacional de Cátedras Galego-Lusófonas (Ricagal), impulsada pola CJS e que reunirá ás seis cátedras dedicadas ao escritor portugués existentes no mundo, xunto con outra serie de entidades.
 
Promovida pola CJS, a rede que se fundará e presentará nestas xornadas agrupará ás cátedras Saramago das universidades de Vigo, Barcelona, Granada, Roma, Autónoma de México e Nacional de Córdoba (Arxentina). Tamén formarán parte de Ricagal as cátedras Mário Césariny, da Universitat de les Illes Balears; Solange Parvaux, da Université Sorbonne Nouvelle de París; e Sofía de Mello Breyner Andersen, na Universidade Católica Portuguesa do Porto. Completan a rede o grupo de investigación sobre migracións e marxinación EHUM2M da Universidade do Minho, a rede da GaliLusofonía, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e a asociación cultural e pedagóxica Ponte.. nas Ondas! “Desde que Carlos Nogueira”, director científico da cátedra, “e mais eu empezamos a pensar na fundación da CJS, estaba claro que esta sería unha cátedra moi activa en termos de I+D+i. Cientificamente, mais tamén na divulgación e incluso socialmente”, salienta Baltrusch, que incide en que “como rede, crearemos sinerxías e proxectos comúns”, á vez que poderán optar a liñas de financiamento “en contextos internacionais”. Financiada maioritariamente pola Fundación Enxeñeiro Antonio de Almeida e o Instituto Camões portugués, Baltrusch pón en valor o labor da CJS e das cátedras universitarias na produción e difusión do coñecemento, na organización de actividades ou na promoción de mobilidade dos investigadores e investigadoras e salienta nese senso que o obxectivo desta rede internacional será “apoderar os seus grupos”, co obxectivo de “fomentar actividades académicas e de divulgación locais, capaces de transcender aos niveis rexional, nacional ou mesmo internacional”. 

Literatura e compromiso

As e os responsables dos diferentes organismos que integrarán esta rede tomarán parte nas mesas de debate coas que estas xornadas abordarán como a obra e o pensamento de Saramago “acompañaron sempre os acontecementos e problemáticas do noso tempo”, como sinala Baltrusch. O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución incide nese senso en que todos os colectivos da rede “comparten a necesidade de responder a dous grandes desafíos do noso tempo: a crise ambiental e as súas consecuencias socioculturais e a crise das Humanidades”, uns estudos que, lembra, “están na base da nosa cultura europea”, motivo polo que a CJS é unha das impulsoras do Chamamento á defensa das Humanidades na UVigo.

Así, o programa deste evento abrangue unha mesa sobre a crise climática, na que participarán, entre outros, o director da Fundação José Saramago, Sérgio Letria, e o activista Antonio Cutanda, representante da organización Extinction Rebellion España. Por outra banda, os responsables do Igadi, rede da GaliLusofonía e Ponte… nas ondas! protagonizarán, xunto ao xornalista portugués Ricardo Duarte, unha mesa sobre relacións entre Galicia e o mundo lusófono. O debate completarase así mesmo “con dúas mesas de estudos saramaguianos que conectan diferentes aspectos da obra cos desafíos do noso tempo”.

Curtametraxes, teatro e exposicións

Xunto ás mesas de debate e ás tres sesións de presentación de comunicacións, o programa das xornadas complétase con actividades como a estrea da curtametraxe de animación A Desforra/El desquite, un dos contos incluídos na antoloxía Objeto Quase, de 1978, que levaron a cabo estudantes do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual que se impartía na Facultade de Belas Artes. Unha exposición do making off desta curta e unha mostra da banda deseñada sobre a vida de Saramago realizada por estudantes de lingua portuguesa do IES Barral de Ponteareas forman tamén parte das propostas que a CJS despregará nesas xornadas no campus, xunto coa representación teatral dunha adaptación da dramaturga galega Vanesa Martínez Sotelo inspirada no poemario O ano 1993, de Saramago.