DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación organizou unha sesión de 12 horas proxeccións co gallo do 25N

Seis curtas para visibilizar distintas formas de violencia contra as mulleres

Entre as pezas seleccionadas estivo unha reportaxe sobre o asasinato de Ana Orantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 01/12/2022

Co gallo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, celebrou este mércores unha proxección de curtametraxes sobre esta temática que se prolongou durante 12 horas, desde as 09.00 h ata as 21.00 h, estando aberta ás persoas interesadas.

Segundo explicou Rebeca Jorge Rodríguez, alumna de doutoramento e bolseira de Igualdade do centro encargada da coordinación da actividade, “a raíz do 25N quixemos facer algo que fose un pouco diferente e que xerase máis visibilidade á problemática da violencia contra as mulleres e pensamos nunha proxección de curtas, como se fose unha especie de museo”. A selección de obras, engadiu, fíxose coa idea de “reflexar un pouco a situación da violencia de xénero desde diferentes perspectivas: hai algunhas sobre micromachismos, sobre violencia en adolescentes, reflexións sobre a evolución dunha relación ou sobre masculinidades que non son tan hexemónicas, sen esquecer o caso de Ana Orantes”. O formato audiovisual, indicaron desde a organización da actividade, pretendeu ser “unha vía para achegar unha realidade que ás veces pasa desapercibida” querendo neste caso ademais facer ver ao alumnado universitario “que hai moitas formas de violencia, desde as súas formas máis visibles ás máis sutís”.

A selección

A primeiras das curtas da programación foi 20 años sin Ana, de Canal Sur. “Trátase dunha reportaxe conmemorativa anos despois do asasinato de Ana Orantes, a primeira muller do estado español en denunciar de maneira pública a violencia que sufría por parte do seu marido. Nesta reportaxe recóllese o testemuño que Ana deu na televisión, ademais de fragmentos dos noticiarios na televisión ou comentarios feitos por persoas achegadas a este caso”, sinalaron desde a organización. Seguiulle a peza NO, de Adrián Vereda. Esta curta narra a historia de Celia, unha moza cunha relación tóxica e autodestrutiva con Juan Carlos, que remata por afectar a todo o seu círculo familiar e de amizades e dá que só ela poderá dar o paso de saír.

A quien dices amar, dirixida por Inés Pintor e Pablo Santidrián, foi outra das obras incluídas na actividade. O seu argumento céntrase en Bárbara, que mentres está agardando polo seu voo, do outro lado do cristal da sala de embarque está o que ata ese día fora a súa parella. Mentres falan a través dunha chamada de teléfono, ela repasa as diferentes fases da súa relación, dende o amor ata os reproches, para preguntarse que se podería ter feito para que fose diferente. Tamén se proxectou este mércores no campus No es amor, dirixida por Alberto Molina e realizada por alumnado de segundo de Bacharelato de Imaxe e Son, do IES Tamujal de Arroyo de San Cerván. A obra céntrase en como “a violencia de xénero comeza con comportamentos sutís que constitúen maltrato pero que a adolescencia non os identifica como tales”. Tamén se proxectou ao longo do día ¿No te ha pasado que...?, unha peza de eldiario.es na que mediante a intervención de varios homes, sácanse á luz pequenos micromachismos que as mulleres viven no seu día a día de maneira velada. Por último, a programación tamén incluíu Bumerán, realizada por Páginas Violeta e que narra o acoso que sofre unha rapaza nas súas redes sociais e a violencia sexual transmitida, tras a publicación dunha foto íntima dela por parte da súa ex-parella.