DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove, do 11 ao 16 de marzo, o segundo ciclo ‘6 días, 6 poetas’

Unha semana por diante para achegar a poesía á cidadanía

Este xoves tamén tivo lugar unha recepción á estudante e atleta campioa de España, Raquel Meaños

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 07/03/2019

O poeta, novelista e ensaísta Andrés Trapiello, recoñecido con premios como o Nacional da Crítica; a valenciana Susana Benet; a andaluza Pilar Pardo, gañadora do Premio Nacional de Poesía Florentino Pérez-Embid; o poeta, historiador e xornalista leonés Antonio Manilla, gañador entre outros do Premio Internacional de poesía Generación del 27; o escritor e editor Gabriel Insausti, finalista do Premio Nacional de Literatura, e o ovetense Javier Almuzara, gañador tamén de diferentes premios de poesía. Estes seis escritores e escritoras serán entre o vindeiro luns 11 e o sábado 16 os e as protagonistas da segunda edición do ciclo 6 días, 6 poetas, promovido pola Vicerreitoría do campus co obxectivo de achegar este xénero á cidadanía. Integrada por autores e autoras de diferentes procedencias e xeracións, esta selección de poetas e poetisas protagonizará unha serie de encontros na sede da Vicerreitoría, que terán lugar ás 20.00 horas entre luns e venres e ás 12.00 horas o sábado, no que o recitado de poemas se combinará co coloquio cos expertos e expertas encargados de presentalos.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, e o poeta e colaborador nesta iniciativa Miguel d´Ors, presentaron este xoves na Vicerreitoría o programa dun evento que constitúe “unha auténtica festa das letras”, como salientou Soto, quen incidiu no “luxo” que supón unha semana dedicada “a darlle voz á palabra”. Como unha “aglomeración de cultura e poesía nunha semana” definiu Morquecho unha actividade respecto da que salientou a colaboración desinteresada de d´Ors, Premio Nacional de Poesía, na selección dos autores e autoras participantes. 

Calidade e representación de diferentes territorios e xeracións

Pola súa banda, d´Ors encargouse de detallar os criterios que rexeron a selección de participantes nunha iniciativa que en 2018 celebraba a súa primeira edición, “que inevitablemente tiña un carácter un pouco experimental e da que quedamos todos moi satisfeitos”. O primeiro criterio básico, salientou este poeta e investigador durante 30 anos na Universidad de Granada, é a calidade, “traer xente dun nivel alto, o que non significa que sexan os máis mediáticos nin os que teñen máis premios”. O segundo "criterio reitor" esta vinculado a esa vontade de “recuperar a conexión da poesía co público”; a busca dun tipo de poesía “que chegue ao público, que sinta que ten que ver coa vida, coa realidade”, apuntou d´Ors, quen lembrou que se ben poetas do século XIX como Espronceda ou Zorrilla ou de comezos do século XX, como os irmáns Machado ou Juan Ramón Jiménez, eran autores que “populares e que tiñan un recoñecemento social”, no pasado século “vaise rompendo un pouco a conexión da poesía co público”. A estes dous principios sumáronse así mesmo que houbese unha representación de poetisas, a presenza de autores e autoras de distintas xeracións e a busca tamén de poetas e poetisas de diferentes partes de España. 

Andrés Trapiello abre esta semana da poesía

Autor de máis de 15 libros de poesía, de numerosas novelas e ensaios, columnista e director da editorial La Veleta, o escritor leonés residente en Madrid Andrés Trapiello será o encargado, o vindeiro luns, de pór inicio a 6 días, 6 poetas. Trátase, como apuntou d´Ors, dun autor “que non necesita presentación” e cuxa traxectoria literaria foi recoñecida co Premio Nacional da Crítica, o Premio Internacional de Novela Plaza & Janés, o Premio Nadal e os premios das letras da Comunidad de Madrid e de Castilla y León. O columnista Ramón Rozas será o encargado de presentar a Trapiello, mentres que, ao día seguinte d´Ors encargarase de introducir á outra representante da “xeración dos 70” neste ciclo, a valenciana Susana Benet, autora dunha decena de poemarios e “a número un do haiku, non só en España, senón en lingua española”. 

O mércores 13 a Vicerreitoría recibirá á poetisa máis nova do ciclo, a andaluza Pilar Pardo, que ata o de agora conta só con dous libros publicados, “pero cun nivel fóra do habitual”, e que será introducida pola profesora do IES Valle-Inclán Fátima Cobas. O profesor Fernando Romo será o xoves 14 o encargado de presentar ao leonés Antonio Manilla, autor de oito poemarios recoñecidos, entre outros, cos premios Emilio Prados, José de Espronceda, Villa de Benasque e Ciudad de Salamanca; mentres que o venres chegará a quenda do vasco Gabriel Insausti, “un home de letras que publicou narrativa, ensaio, aforismos e poesía”, e que destaca tamén pola súas tradución de poetas ingleses, que será presentado polo presidente do Ateneo, Xaime Toxo, e que ademais ser finalista do Premio Nacional de Literatura en 2002 foi recoñecido tamén con premios como o Gerardo Diego, Arcipreste de Hita e Manuel Alcántara de poesía. Trátase dun dos representantes da “xeración dos 90”, xunto ao poeta e xornalista asturiano Javier Almuzara, gañador dos premios Emilio Alarcos, quen, presentado polo catedrático de literatura española da Universidade de Vigo José Montero Reguera, pechará a segunda edición do ciclo o sábado 16.

Recepción á campioa de España Raquel Meaños

A sede da Vicerreitoría tamén foi obxecto da mañá deste xoves dunha recepción á atleta e alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Raquel Meaños, que a pasada fin de semana lograba en Madrid proclamarse campioa de España sub20 na modalidade de 800 metros en pista cuberta. “Para nós que unha estudante alcance estas cotas significa a excelencia que ten tamén o campus no ámbito deportivo”, salientou Jorge Soto do éxito logrado pola corredora do Valencia Esports e estudante do grao en Educación Primaria. “É importante que sexamos sensibles desde a Universidade co alumnado que sobresae por diferentes razóns, sexan culturais, deportistas, científicas...”, engadiu o vicerreitor.