DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 24 ao 28 de marzo no Auditorio de Caixanova en Pontevedra

A Semana Galega da Filosofía festexa o seu 25 aniversario debatendo sobre a utopía

A novidade desta edición é “Ultranoites Castelao”, un programa de concertos e teatro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 11/03/2008

Baixo o título Filosofía e Utopía, chega a Pontevedra a XXV edición da Semana Galega da Filosofía, un dos foros de reflexión e pensamento máis importantes de Galicia. Patrocinada pola Universidade de Vigo, esta iniciativa acolle cada ano aos principais profesionais e intelectuais do país co único obxectivo de “achegar á cidadanía o pensamento crítico”, segundo afirma o presidente da Aula Castelao, Xulio Leal. Para festexar estes 25 anos, o tema principal que centrará os debates é o concepto de utopía “entendida como a necesidade de pensar de outro modo ante a insistente imposición de unha única verdade”, explicou Leal.
A estrutura do evento será a mesma que en edicións anteriores, dividindo as xornadas en sesións de mañá, tarde e noite baixo os títulos Pensar en utopía, Galicia: realidade e utopía e Eidos de utopía, respectivamente. Pero a novidade de este ano é a inclusión de Ultranoites Castelao, un programa de actividades que reunirá actos que van máis alá dos habituais, como un concerto de Amancio Prada o luns día 24 e a representación da obra Rebeldías Imposibles, a cargo da compañía de teatro Cuarta Pared, o mércores 26 de marzo.
Ademais, os organizadores deste foro tamén teñen preparada outra sorpresa para a sesión de clausura, o venres 28, xa que a Aula Castelao de Filosofía conseguiu traer a unha muller que exemplifica coa súa vida a utopía, entendida como a necesidade de pensar e obrar ante a cruel realidade imposta pola ditadura militar arxentina, Hebe de Bonafini, presidenta de Madres de la Plaza de Mayo.

As xornadas

Do 24 ao 28 de marzo, a Semana Galega da Filosofía abordará nas sesións da mañá, Pensar en utopía, unha explicación do que aportan as disciplinas filosóficas neste eido, con cinco relatorios da man de profesores de distintas universidades españolas como Mariano Álvarez, Félix Duque, Anxo Carracedo, Henri Peña e Eduardo Subirats, que entre outros asuntos abordarán os avances da xenética e o laicismo como a negación da espiritualidade imposta.
Dentro das xornadas de tarde, Galicia: realidade e utopía, daranse cita no Auditorio de Caixanova en Pontevedra intelectuais, profesionais e políticos de prestixio que traballan na nosa comunidade como José Ricardo Beltrán, Xulia Guntín, Ramón Villares, Camilo Nogueira e Carme Adán, que disertarán sobre a paisaxe, a cultura ou a procura de igualdade entre homes e mulleres.
Baixo o nome Eidos de utopía, as sesións da noite dedicaranse a coñecer utopías reais ou posibles nos campos da ecoloxía, a ética, a interpretación da natureza ou a superación de conflitos. Todo isto será baixo as leccións maxistrais dos intelectuais Jorge Reichman, Javier Muguerza, Francisco José Ayala e Ignacio Ramonet.

Para participar...

Todos aqueles que estean interesados en participar na Semana Galega da Filosofía, poden formalizar a súa matrícula na web www.aulacastelao.com ata o vindeiro 17 de marzo. O control de asistencia levarase a cabo diariamente no Auditorio de Caixanova, sede do evento.

Pódese ver o programa completo de actividades na web: http://www.aulacastelao.com/