DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo dos días mundiais da Saúde e da Actividade Física

A semana de portas abertas nas instalacións deportivas amplíase no campus ata o 7 de abril

A iniciativa amplíase esta fin de semana á piscina universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 04/04/2019

A Universidade de Vigo está a desenvolver esta semana unha programación deportiva especial nos tres campus da institución académica co gallo dos días mundiais da Saúde e da Actividade física, que se celebran o 6 e 7 de abril. No caso do campus de Ourense as actividades, que arrancaron o día 1, prolónganse ata o domingo 7 de abril.

Ao igual que nos demais campus, no caso de Ourense a Área de Benestar, Saúde e Deporte celebra unha semana de portas abertas, que neste caso permitirá a calquera persoa da comunidade universitaria acceder de balde ás distintas actividades e instalacións deste servizo ata o domingo. Así poderán coñecer a súa sala de cardio-fitness ou participar das actividades de benestar integral e defensa persoal para mulleres, ioga, circuit fit, zumba, total-body e ciclo indoor. Ademais, o sábado 6 e domingo 7 de abril, a piscina universitaria AQA Ourense tamén se unirá a esta xornada de portas abertas para a comunidade universitaria.  

Outras citas deportivas da fin de semana

Ademais desta programación, o sábado a Área de Benestar, Saúde e Deporte celebrará a décima andaina cultural deste curso académico. 110 participantes dos tres campus achegaranse á Costa da Morte para realizar un dos tramos do Camiño dos Faros, concretamente o que une os pobos de Laxe e Camelle. Xa o domingo, o campo de fútbol-rugby do campus acollerá o partido de ida do play-off polo ascenso á máxima categoría do rugby estatal que disputará o Campus Universitario Ourense Rugby Club. Será contra o Ciencias RC Cajasol de Sevilla, ás 11.30 h, convidando desde o club á cidadanía a unirse a un partido “importante para a cidade de Ourense e para o rugby galego”.