DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación corre a cargo da presidenta da asociación Arelas, Cristina Palacios

Un seminario achega o alumnado de Enfermaría á realidade e diversidade das persoas transexuais

Trátase dunha actividade promovida pola escola e a Deputación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/10/2018

“A transexualidade sempre se ve como un problema, como algo ao que hai que darlle solución, e non como algo que forma parte da diversidade”, salienta Cristina Palacios, presidenta da asociación de familias de menores trans Arelas, responsable de achegar ao alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra á realidade e diversidade das persoas transexuais nun seminario que deu comezo este martes. Dotar ás e aos asistentes dunha serie de nocións introdutorias sobre as diferentes dimensións da diversidade sexual, darlles a coñecer unha serie de vivencias das e os menores transexuais e difundir boas prácticas no ámbito sanitario son tres dos obxectivos da actividade que este centro adscrito á Universidade de Vigo promove por segundo ano consecutivo coa colaboración do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

“É un seminario que xa fixemos o ano pasado, co que tratamos de sensibilizar ao alumnado e visibilizar as reivindicacións das familias con nenos e nenas trans”, sinala a profesora de Psicoloxía e coordinadora do Plan de Acción Titorial da titulación, Dora Romero, respecto de Atención sanitaria trans positiva a menores con identidades sexuais non normativas, unha actividade que se desenvolve en dúas sesións, a desta xornada e a do vindeiro martes 16 de outubro. Preto de 50 estudantes de primeiro curso da titulación participan nun seminario que, como engade Fernández, busca dotar ao alumnado dunha serie de “competencias transversais” que lles poidan ser de utilidade “no exercicio da profesión, pero tamén como persoas” e que contou na súa apertura coa participación das deputadas de Igualdade, Isaura Abelairas, e Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, da institución provincial.

Información para rachar cos prexuízos

Un achegamento ás catro dimensións da diversidade sexual e de xénero; o sexo asignado, a identidade de xénero, a expresión de xénero e a orientación sexual, constituía o primeiro dos puntos abordados por Palacios nesta primeira sesión dun seminario que, nese senso, busca promover entre o alumnado unha mirada da transexualidade que vaia máis aló da idea “de que unha persoa trans opérase e hormónanse, xa que non sempre é así, hai moitas formas de vivila”. Nese senso, Palacios buscou en primeiro termo incidir en que “non estamos a falar dunha orientación sexual, nin de expresión de xénero senón dunha identidade”, co propósito de “cambiar esa mirada máis normativa” cara outra na que “pensemos en diferentes corporalidades e diversas formas de vivir a transexualidade”.

A partires de aí, Palacios buscou tamén nesta primeira sesión achegar ao alumnado as vivencias de nenos e adolescentes transexuais, co propósito de que “vexan que non son expedientes e informes médicos, senón persoas con realidades, con historias, ás veces duras”, así como a conceptos máis vinculados coa contorna clínica, como "que son e como acceden aos bloqueadores puberais". Ao mesmo tempo, a representante de Arelas tamén abordou nesta sesión as "principais formas de transfobia", co mesmo obxectivo tamén de pór de relevo que “as crianzas e adolescentes trans, se son respectadas, se non son discriminadas e excluídas, nin teñen porque ter problemas nin son un problema”.

Boas prácticas no ámbito sanitario

Unha segunda sesión, o vindeiro martes 16, completará este seminario cun achegamento a boas prácticas en materia de atención ás persoas trans no eido sanitario no que, recoñece Palacios, “hai un descoñecemento importante” e no que persiste “esa mirada do que é a normatividade, do que debe ser unha muller e o que debe ser un home”. Nesta segunda xornada, a representante de Arelas porá o foco nunha serie de “estratexias e boas prácticas sobre como tratar dunha maneira adecuada a unha persoa trans, sobre todo cando aínda non teñen unha documentación acorde á súa identidade” e coas que evitar tamén, no eido sanitario, “preguntas que a ningunha outra persoa do mundo lle farías, pero que si se lle fan a unha persoa transexual con certa alegría”. Esta segunda sesión completarase precisamente cun “video-fórum”, no que se proxectará o programa Eso no se pregunta: Transexuais, que recolle unha serie de testemuños neste senso, e que servirá como punto de partida a un coloquio final coas alumnas e alumnos.