DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Aula de Formación Legal da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Un seminario analizará o futuro legal das actividades deportivas no medio natural

Da man do avogado especialista en dereito deportivo Alejandro López Sánchez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/05/2020

A protección do medio ambiente e a práctica deportiva neste tipo de contorna xeran, ás veces, unha colisión de intereses que tan só se poden solucionar apostando por un uso sostible do medio natural. Este é un dos principais retos para un sector, como o deporte en natureza, que está en constante crecemento. Para analizar este e outros aspectos relativos ao futuro legal das actividades deportivas no medio natural, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo celebra este 28 de maio unha charla coloquio da man do avogado especialista en dereito deportivo Alejandro López Sánchez. 

Esta conferencia enmárcase nas actividades da Aula de Formación Legal da facultade e, debido á situación actual derivada da pandemia da Covid-19, terá lugar de xeito non presencial no salón de graos do centro a través de Campus Remoto.

Deportes que deben convivir con regulacións e prohibicións

Na súa conferencia, Alejandro López Sánchez analizará o futuro do sector das actividades no medio natural, cuxo principal reto é, segundo o avogado, a convivencia coas regulacións e prohibicións que se están desenvolvendo dende hai anos por parte das administracións públicas. “A protección do medio ambiente provoca a colisión entre protección e uso do medio natural para a práctica deportiva, unha práctica que debe ser respectuosa, de aí o nacemento de asociacións e colectivos que propugnan un uso sostible do medio natural para a práctica deportiva”, explica. Outro dos temas que abordará no relatorio é tamén un dos aspectos de máis actualidade nos últimos anos: a seguridade dos deportistas. E é que cada vez son máis as persoas que practican actividades ao aire libre, tanto de xeito individual como en grupo, como deportes de montaña, de aventura, de inverno, etc. Neste sentido, López Sánchez pon sobre a mesa a importancia de “educar e concienciar sobre o medio no que se levan a cabo estas prácticas deportivas e a posibilidade de sufrir contratempos, así como a existencia de riscos obxectivos que eviten accidentes”.

Precisamente por estes potenciais riscos, o experto considera aconsellable contar cun seguro. Polo momento, lembra, non é obrigatorio estar federado para practicar este tipo de portes outdoor, “pero máis aló diso é recomendable contar cun seguro, sexa federativo ou non, que cubra un hipotético rescate e asistencia sanitaria”. No seu relatorio explicará as diferentes alternativas, dende os seguros federativos, os seguros deportivos vinculados a outras asociacións, os seguros de viaxe ou algúns seguros de vida que cobren estas prácticas deportivas ao aire libre.

No caso de non contar co respaldo dun seguro, é posible que a ou o deportista teña que facer fronte ao pago da asistencia que precise en caso de accidente. Alejandro López Sánchez explica que isto depende das autonomías e lembra que, por exemplo, “a Garda Civil non cobra polos rescates, pero os servizos propios das comunidades autónomas, como o 112 ou o bombeiros, en ocasións repercuten o custo do rescate á persoa rescatada, así que se non ten seguro está obrigado a pagar a factura”.

A Covid-19, un reto e unha oportunidade

A pandemia do coronavirus que está a poñer en xaque a todos os sectores da economía, terá tamén un impacto no sector dos deportes de aventura e natureza, “que a achegan maiores índice de seguridade polo feito de estar ao aire libre”. Para o letrado, esta será “indubidablemente unha oportunidade” para as empresas do sector e, sobre todo, “para que os clubs se actualicen”. Se ben é certo que o medio natural “é un foco inferior de contaxio ao existir menos aglomeración”, remarca López, “todo isto depende das zonas, xa que lugares como a ruta do Cares en pleno mes de agosto probablemente requira de esixencias superiores que eviten os contaxios”. Polo momento, lembra, “só as empresas de turismo activo poden traballar e entendemos que pronto poderán tamén os clubs, pero repito que será unha oportunidade para a súa actualización”, conclúe o avogado.

O seminario, en Campus Remoto

Para seguir o seminario, as persoas interesadas deben acceder a través do seguinte enlace: https://campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/3080645866 Para obter a clave de acceso prégase remitir correo electrónico a decanatoxuridicas@uvigo.es onde se proporcionará o contrasinal para acceder como estudantado.