DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñería Industrial acolleu este mércores a trixésima cita deste evento

O Seminario de Loxística celebra trinta edicións analizando os retos da cadea de subministro

O seu director, Carlos Prado, destaca que neste sector a clave son as persoas e os equipos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/05/2024

Aínda que a primeira edición tivo lugar en 1988, o Seminario de Loxística celebrou este mércores na Escola de Enxeñería Industrial a súa trixésimo edición, trinta citas ao longo dos anos para analizar as novidades, retos e avances relacionados coa cadea de subministro da man do Grupo de Ingeniería de Organización, GIO. O seu director, Carlos Prado, explica que salvo os anos da pandemia e algún outro previo no que non se puido celebrar o evento, este mantívose fiel ao calendario como un punto de encontro entre academia e industria e isto foi posible grazas a que “atopamos sempre empresas dispostas a contar a súa experiencia e a que hai persoas, maioritariamente profesionais, interesados nesta temática”.

Ao longo de todos estes anos o seminario foi testemuña da evolución do sector da loxística, dunha constante e continuada automatización, da chegada do internet das cousas e agora do reto que supón a intelixencia artificial nun sector que está ligado a practicamente todos os eidos produtivos. Como detalla José Carlos Prado, “entendemos loxística como as áreas de compras, produción, distribución física (almacéns e transporte) e loxística inversa, que permite ter unha visión global, tanto a nivel estratéxico como operativo”. Aínda que agora, o concepto loxística semella que deixa paso ao de cadea de subministro (“sería máis ben unha rede de subministro”, puntualiza o catedrático), dende a organización apostaron por manter o nome orixinal  e clásico do seminario.

Durante estas tres décadas, foise convertendo nun punto de encontro de xerentes de empresas industriais e de servizos e directivos e profesionais das áreas de materiais, loxística, produción, distribución física e aprovisionamentos de compañías como Stellantis, Leroy Merlin, Accenture, Nueva Pescanova, Inditex, Coren, Seur ou Telefónica, entre outras. Ademais é tamén unha cita importante para o alumnado de Organización Industrial, un dos sete graos que se imparten na Escola de Enxeñaría Industrial, unha titulación que  ten contribuído “de forma relevante a incorporar ás organizacións industriais e de servizos, a profesionais que lideren estes procesos de cambio”.

A clave, as persoas

Nestes 30 anos de historia do seminario, a loxística foi gañando peso nas organizacións, tanto en épocas de crise, para manter a calidade e o servizo e reducir custes, como en tempos de expansión, para servir á demanda da clientela con calidade, servizo e custe. Ademais, engade Prado, “segue crecendo a súa importancia nun mercado global actual e nunha contorna cada vez máis turbulenta”.

Pero se hai algún aspecto que Carlos Prado considere esencial no eido da loxística son as persoas. “Visión global, flexibilidade, enfoques (como a mellora continua ou a eliminación de gastos superfluos) e ferramentas (tecnoloxía, TIC, intelixencia artificial… )  pero sobre todo ‘sentidiño’, porque a clave como sempre son as persoas, as persoas e os equipos”. Neste sentido, destaca que “a falta de persoas a todos os niveis é, probablemente, o maior problema ao que nos enfrontamos” e o maior reto, polo tanto, é “enfrontarnos con esas persoas e equipos ás esixencias da sostibilidade coas súas tres patas: a económica, a social e ambiental”. 

A cita número 30

O salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial acolleu, como é costume, a nova edición do seminario na que participaron representantes do eido universitario e do mundo empresarial para debater e compartir experiencias. No acto de apertura, o director do seminario, Carlos Prado, destacou a “satisfacción enorme” que supón poder seguir organizando este seminario, que reúne en “cada edición preto dun cento de persoas”. Pola súa banda, o director da EE Industrial, José Fariña, fixo fincapé en que para a escola é fundamental acoller eventos coma este, que permiten “achegar profesionais de prestixio ao noso centro para que poidan explicar as súas experiencias ao noso alumnado” e incidiu, precisamente, na necesidade de aumentar a asistencia de estudantes a este seminario en futuras edicións.

Tras o acto de apertura, o encargado de impartir o primeiro relatorio foi Miguel J. Calero, senior manager e responsable de cadea de subministro e operacións na empresa EY, que falou sobre a planificación integrada da cadea de subministro e a aplicación a unha empresa industrial global. O programa completouse coa presentación dun caso práctico de implantación de metodoloxía Lean nun Centro Especial de Emprego, en concreto na planta de envases lixeiros de Cogersa, da man de Jose Brais Gómez-Reino, director de planta industrial en Valtalia. Tras unha pausa, a xornada continuou cunha sesión sobre a reorganización da función de loxística interna nunha fábrica de alimentación, ofrecida por Esther Fernández, responsable de produción e Juan Redondo, coordinador de loxística interna en Calvo/Nauterra. Finalmente, Gustavo del Río, responsable de produción en Iberconsa Seafood Processing, ofreceu unha intervención centrada na implantación dun sistema MES (Manufacturing Execution System) na industria pesqueira e integración coa mellora continua.