DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Concepción Torres abordou este tema nos campus de Ourense e Vigo

A sentenza da Manada como exemplo da "necesidade de aplicar a lei desde unha perspectiva feminista"

A xurista destacou a importancia de abordar unha modificación da normativa en delitos sexuais

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/11/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acolleron este xoves a segunda e última sesión das xornadas Feminismo e teoría do dereito. A sentenza da Manada a debate. Trala conferencia o día 25 de Pablo de Lora, profesor da Universidad Autónoma de Madrid, nesta ocasión interveu Concepción Torres, da Universidad de Alicante, que abordou este caso a partir dunha perspectiva crítica desde o feminismo xurídico.

A actividade, que contou coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo no marco das axudas para fomentar a perspectiva de xénero nas aulas, estivo dirixida polo profesor Pablo Raúl Bonorino e enmarcouse tamén no desenvolvemento do proxecto de  investigación con financiamento estatal Conflitos de dereitos e produción normativa. O seu obxectivo, apuntou o docente da Universidade de Vigo na presentación do acto, foi xerar o debate escollendo para estas xornadas dúas persoas con visións diverxentes sobre a sentenza da Manada. A elección de  Concepción Torres, apuntou Bonorino na súa presentación en Ourense, fíxose por ser un dos referente no ámbito estatal no eido do feminismo xurídico.

“A miña conferencia pretende abordar a sentenza da Manada desde unha posición crítica e teórica desde os feminismos xurídicos”, comentou a relatora minutos antes da súa intervención. Para facelo, afondou en que termos se pensa o dereito das mulleres e sobre todo os delitos contra a liberdade sexual e “como ese pensamento implica construír un modelo normativo do humano que ten sido alleo á realidade sociosexual das mulleres”. Este modelo, e sentenzas froitos del como a da Manada, afirmou a profesora, implica que actualmente “se teñan que repensar os tipos penais en temas de liberdade e identidade sexual, de que maneira se tutelan ou non os dereitos das mulleres e se satisfan as expectativas das mulleres”.

A reflexión crítica

Durante a súa intervención Concepción Torres subliñou a necesidade de “reflexionar criticamente sobre en que termos se está aplicando e interpretando a norma, xa que unha cousa é o que di a lei e outra cousa é como se interpreta e aplica esa norma”. Así, puxo o nas consecuencias que se producen “cando se aplica a norma sen ter en conta a perspectiva de xénero, coas implicacións que ten o xénero como categoría de análise crítico co modelo normativo do humano”. Non adoptar esta perspectiva, apuntou, dá como resultado “resolucións xudiciais como as que temos, moi cuestionables polo lugar en que posicionan ás vítimas fronte aos vitimarios”.  

Sobre a sentenza da Manada lembrou como “houbo un debate entre unhas posturas que consideraron que se vulnerou o dereito de defensa dos vitimarios polo efecto mediático do caso en si e por outro lado houbo un debate desde as teorías críticas feministas, e sobre todo desde os feminismos xurídicos, en canto cal é a efectividade da norma actual en garantir os dereitos das mulleres”. Actualmente, apuntou Concepción Torres, “coas normas que temos eu creo que se podería ter garantido neste caso e garantir en xeral os dereitos das mulleres ante delitos contra a liberdade e a identidade sexual pero necesítase esa interpretación e aplicación normativa desde a perspectiva de xénero”. Así, a profesora lembrou como desde o Consejo General del Poder Judicial se “están facendo informes nos que se insta ao poder xudicial a que interprete as normas desde unha perspectiva de xénero".

No caso da Manada, afirmou a relatora, “non se empregou esa perspectiva de xénero”. A súa aplicación, detallou, implicaría que cando se cualificasen os feitos que se consideran probados “houbésemos estado ante unha agresión sexual e non ante un abuso sexual”, estando a diferenza entre un e outro na intimidación e a violencia, que non se considerou neste caso. Ademais, na sentenza da Manada, Torres puxo o aceno no concepto de prevalemento, estratexia xurídica prevista no tipo penal centrada na superioridade do vitimario sobre a vítima.

“A miña reflexión vai en dous sentidos. Por un lado, no momento actual está a necesidade de interpretar e implementar a perspectiva de xénero en caso de delitos contra a liberade sexual e por outro lado é necesario facer nunha reflexión máis profunda para modificar a norma penal e os tipos penais para que determinen que é violencia para as mulleres desde esta perspectiva de xénero”, apuntou Concepción Torres. Así, puxo o aceno na cuestión do consentimento, lembrando como na contorna europea hai recentes modificacións ao respecto que consideran que soamente un si é un si cando se trata de valorar se houbo ou non consentimento.