DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘@Destapando_Casares’ é o resultado do décimo taller ‘Celanova, plató de ficción’ 

A serie ‘transmedia’ do alumnado de CCSS e da Comunicación chega á rede

Xunto con contidos complementarios en diferentes plataformas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/01/2020

No marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac), que forma parte da programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus de Ourense, un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación enfróntase cada ano, no taller Celanova, plató de ficción, a unha experiencia de rodaxe que busca achegalos a unha contorna profesional de traballo. Na súa décima edición, o obradoiro dirixido polo profesor Paulino Pérez centrouse por primeira vez no mundo do transmedia, dando como resultado a webserie @Destapando_Casares, cuxa trama se ve complementada polos contidos creados para diferentes plataformas e redes sociais e que desde este mes de xaneiro atópase xa dispoñible na rede. 

“Nesta décima edición decidimos facer algo un pouco máis arriscado e investigar sobre novas narrativas”, salienta Pérez, coordinador dun taller no que un equipo técnico conformado por alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual traballou con actores e actrices profesionais nunha serie rodada o pasado mes de xuño no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense. Co estudante Ricardo Araújo como director e guionista, a webserie relata o que acontece na ficticia Universidade Carlos Casares cando aparece unha consta de Instagram “que ameaza con desvelar unha serie de segredos, creando un clima de incerteza”. 

Deste xeito, a trama relatada nos seus cinco capítulos, “nos que uns personaxes tratan de saber quen é o responsable desa conta” vese complementada pola creación da propia conta @DestapandoCasares, en torno á que xira a trama e “na que se contan eses segredos que non se coñecen vendo a serie”, explica Araujo. O proxecto, que constitúe tamén o seu traballo de fin de grao, complétase cos contidos creados para Ivoox, “que presentan os personaxes no que sería como o programa de radio desta universidade” e para Spotify, onde se reúne “a música que escoita cada personaxe”, así como coa web e o perfil de Facebook que recollen as novas desta “universidade ficticia”. O obxectivo, engade Araujo, era que “cada plataforma ofrecese unha experiencia”, de tal xeito que aínda que “non necesitas as outras partes para entender historia, na serie falta información coa idea de que esperte o interese” por visitar os diferentes perfís.

Un proxecto que arrincou a finais de 2018

Promovido co patrocinio da Vicerreitoría do campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística da Universidade, a Deputación de Ourense, a Agadic, a Fundación Carlos Casares, o Festival Internacional de Cine de Ourense e GM Pro Vídeo, o taller buscaba enfrontar ao equipo técnico, do que formaban parte 16 estudantes de Comunicación Audiovisual, ao reto que supón un proxecto transmedia, “con diferentes contidos interactuando ao mesmo tempo, que é algo moi complexo que require de moito tempo e dedicación”, como sinala Pérez. “Ao traballo de facer unha webserie engádese toda esa parte de diversificar a historia para contala a través de diferentes plataformas”, engade Araujo dun proxecto que arrincou en 2018, “buscando a historia que contar para logo elixir as plataformas máis adecuadas”. 

Xa en xuño, este grupo de alumnos e alumnas enfrontouse a unha rodaxe cun orzamento e un tempo de produción pechados e na que contaron cun elenco integrado por actores e actrices profesionais, algúns cunha traxectoria consolidada, como Xavier Estévez. Guillermo Carbajo, Ánxela Ríos, Laura Calvo, Inés Silva, Raquel Fernández e Artur Abad, que traballaron en series como Serramoura, Matalobos ou El final del camino, completaron o equipo artístico dunha webserie que, antes da súa estrea na rede, presentou os seus primeiros resultados no Cemac e no Festival Internacional de Cine de Ourense.

A aprendizaxe de cinco intensos días de rodaxe

“Foi unha rodaxe moi apertada e moi estresante, tiñamos cinco días para rodar preto de 40 páxinas de guión”, recoñece Araujo do traballo levado a cabo no taller, onde finalmente “conseguimos gravar todo o que queríamos en tempo” e onde “o trato cos actores e actrices foi xenial”. Nesa mesma liña pronúnciase o xefe de produción, Fabián Gómez, quen salienta que “a maxia” daquela rodaxe foi que se levou a cabo “nunha facultade a finais de xuño, mentres estaba activa” e onde “todo o mundo nos axudou”, recoñece. “Foi un bo reto, do que aprendín moito”, recoñece este titulado en Comunicación Audiovisual, que actualmente traballa como auxiliar de produción na serie O sabor das margaridas, e que destaca o que esta iniciativa supuxo á hora de enfrontarse “a ter controlado un orzamento e ilo dividindo por partidas” ou coordinar diferentes equipos.