DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de mellorar a súa visibilidade e distribución a través do formato electrónico

O Servizo de Publicacións pon en marcha unha páxina oficial das revistas da Universidade co sistema OJS

Cinco publicacións integran o portal, que se prevé vaia aumentado o seu contido 

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/07/2019

“Era algo que se tiña que facer”. Así se refire o director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Jorge Luis Bueno, á posta en marcha da páxina web oficial que alberga as revistas da institución académica viguesa co sistema OJS (Open Journal Systems), que aposta pola acceso aberto á ciencia, con números de identificación dixital, os denominados DOI. “Que a nosa institución non tivera feita a transición dende o modelo só papel ao formato electrónico co sistema OJS, pechaba moitas portas ás nosas revistas cara a súa visibilidade e distribución e tiña claro que pór isto en marcha era unha prioridade neste primeiro ano de xestión”, explica Bueno. 

As cinco publicacións que neste intre alberga a nova páxina web: Anilij. Anuario de investigación en Literatura Infantil y Juvenil; Babel – A. F. I. A. L : Aspectos de Filoloxía Inglesa e Alemá; Cooperativismo e economía social; Hesperia: Anuario de Filología Hispánica e Vigo International Journal of Applied Linguistics, existen desde hai décadas, cun longo percorrido e recoñecido prestixio nos seus respectivos eidos académicos. “Cada unha delas, sobre todo- digámolo claro- por falta de apoio institucional na última década, tentou facer a transición ao mundo dixital, combinando a súa existencia en papel coa existencia de páxinas web onde se penduraban os volumes pasado un tempo e que xestionaba cada revista de xeito individual”, detalla o director do Servizo de Publicacións, que considera ademais que ata o de agora non se tiña unha sensación centralizada de que esas son as revistas que edita a Universidade, “algo que é preciso para ter unha imaxe única e forte para que os buscadores académicos teñan un só elemento de referencia”.   

Expectativas de crecemento

Unha vez posta en marcha, a nova páxina web, prevé o director do Servizo de Publicacións, que incremente progresivamente o número de publicacións que alberga. Neste sentido, Bueno lembra que a Universidade de Vigo publicaba hai 15 anos máis de 20 revistas académicas “e moitas delas fóronse a outros sitios por esta falta de apoio que antes mencionaba. Pero si penso que podemos crecer a aumentar a nosa oferta”, segura o director do Servizo, que avanza que a Comisión de Publicacións ten previsto redactar unha pequena guía para fixar uns parámetros científicos comúns para aceptar a incorporación no futuro de novas propostas de revistas académicas.

Jorge Luis Bueno incide na importancia de apostar polo OJS, en especial nun sistema público, máxime cando estudos publicados nos tres últimos anos sinalan que as revistas de acceso aberto reciben de media un 7% máis de citas que as de pago. “Un recente estudo de Springer Nature e Digital Science tamén amosou que os artigos publicados en acceso aberto tiñan unha clara vantaxe de citación sobre os artigos de revistas de pago. Estes datos sinalan que o camiño vai por aí e que as revistas de acceso aberto van camiño de superar ás tradicionais nas métricas de citas e danlle aos autores un maior impacto na difusión do seu traballo”, explica Bueno, para quen o OJS tamén permite aos equipos editoriais encargarse do fluxo de traballo da parte académica dun xeito máis efectivo. Así, a versión 3 do OJS, sinala, que proporciona un software cunha interface de xestión moito máis efectiva para a recepción de artigos, o envío a revisores externos, etc. “Deste xeito, as tarefas académicas son máis sinxelas e deixan máis metadatos, algo que é importante cando as revistas queiran, por exemplo, acadar selos de calidade ou aparecer referenciadas en mellores índices”, explica Bueno.

Un novo catálogo na web do Servizo 

Outra das novidades incorporadas polo Servizo de Publicacións é o catálogo da súa páxina web, que incorpora dúas vantaxes respecto do anterior. Dunha banda, ofrece maior axilidade na consulta dos materiais cun abano moito maior de opcións de busca e, doutra, a oportunidade de albergar, na mesma ficha do libro, un espazo paras subir o .pdf do libro publicado, cando pase a espazo aberto. “Este modelo mixto é o que se está a impor no mundo académico da nosa contorna: a combinación do papel, que seguirá tendo unha importancia capital para as monografías e manuais, co paso ao acceso aberto tras un tempo de carencia. Isto témolo fixado por contrato nas novas publicacións que vaian saíndo”, detalla Jorge Luis Bueno, que lembra que pasado un tempo o libro pasa a espazo aberto cunha licenza de uso CreativeCommons e que telo na ficha do libro permitirá enlazalo con bibliotecas e repositorios cunha única URL centralizada.