DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As candidatas animan á comunidade a apoiar os seus proxectos para dirixir a UVigo 

Sobe a participación do PDI-A e baixa a de PTXAS e alumnado nas primeiras horas de votación das eleccións á Reitoría

Ás 18.00 horas comezará o reconto que poderá seguirse en tempo real

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 15/05/2026

Antes de que remate este venres 15 de maio a UVigo terá a primeira reitora da súa historia e nas primeiras tres horas de votación desta segunda volta, e respecto á primeira, celebrada o pasado 6 de maio, a participación baixou en todos os sectores, agás no PDI-A, que medra lixeiramente situándose no 57,17%, fronte ao 55,66% de hai unha semana. Pola súa banda, o PTXAS que acadara na primeira volta case un 70% de participación ás 13.00 horas, descende ata o 59,05%. O PDI-B baixa lixeiramente do 35,44% de hai unha semana ao 35,29% de hoxe, mentres o voto do alumnado tamén cae pasando do 6,62% da primeira volta ao 4,64% de hoxe. 

21.179  membros da comunidade universitaria volven estar convocados este venres a segunda volta das eleccións á Reitoría a votar nalgunha das 47 urnas, localizadas nas 27 mesas distribuídas entre os campus Ourense, Pontevedra e Vigo, onde esta mañá o fixeron as candidatas Belén Rubio e Carmen García Mateo , aproveitando a ocasión para animar á comunidade universitaria a participar do proceso electoral e a apoiar os seus proxectos de goberno para os próximos seis anos. 

A candidata de H2040 foi a primeira en votar nesta segunda volta, pouco despois das 10.30 da mañá no edificio de Ciencias Experimentais, onde chegou acompañada polo reitor Manuel Reigosa. “Con moitísima ilusión”, dixo Belén Rubio enfrontar esta xornada, na que considera “temos moitas posibilidades porque nós, nesta segunda parte da campaña fixemos moitísimo traballo para intentar dialogar e aunar propostas co grupo de Jacobo Porteiro e con outras persoas que votaran a outras candidaturas e creo que podemos ter bos resultados a raíz desas conversas”. 

Pola súa banda, a candidata de Nós Universidade asegurou enfrontar a xornada “con moita ilusión. Como dicía a outra vez, levámonos preparando máis dun ano e medio para chegar a este día e con ilusión e con responsabilidade, esperamos conseguir ese apoio maioritario da comunidade universitaria”, dixo Carmen García Mateo, que votaba ás 11.00 da mañá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Ás 18.00 horas pecharán as urnas e comezará o reconto dos votos, un proceso que poderá seguirse en tempo real a través dunha web habilitada para esta función e na que tamén se poden consultar as porcentaxes de participación ás 13.00 e ás 16.00 horas.

Chamada á participación e satisfeitas do traballo realizado

Tras unha primeira volta celebrada o pasado 6 de maio, na que Carmen García Mateo, foi con1763 sufraxios a candidata máis votada, acadando, realizadas as ponderacións unha porcentaxe total de votos do 40,29% (1781 votos), fronte a Belén Rubio que obtivo unha porcentaxe total de votos do 33,91% (1499 votos), as candidatas á Reitoría animaron esta mañá á comunidade universitaria a participar apoiando os seus proxectos de goberno para os próximos seis anos.

“Hoxe espero que haxa moitísima participación e ademais, que o resultado sexa bastante rotundo cunha ampla maioría, para non estar coas dúbidas que pode haber ao final se andamos moi axustadas”, sinalou Belén Rubio. A candidata a H2040 avanzou que con independencia de que hoxe ocorra, “nós seguiremos empurrando pola Universidade de Vigo, tanto desde a Reitoría, si gañamos, como desde os nosos postos e as nosas responsabilidades, porque todos queremos que a Universidade sexa moito mellor, máis diversa, máis ampla, máis internacional, con mellor docencia, mellor investigación, mellor transferencia, máis igualdade,  máis benestar”. 

Pola súa banda, Carmen García Mateo fixo, logo de votar, unha chamamento á participación, “xa vedes, un pouco como están os centros, case todos sen estudantes. Algúns están vindo as bibliotecas a estudar e nalgúns centros hai exames e animamos á participación de todos os sectores”. A candidata de Nós Universidade lembrou ademais a importancia de que hoxe se vaia elixir a unha muller para dirixir a UVigo, “unha moi boa nova”. 

Ambas as dúas candidatas coincidiron á hora de valorar de xeito moi positivo a experiencia vivida nas últimas semanas de campaña, da que Rubio e García Mateo destacan a intensidade. “Case extenuante”, engade a candidata de H2040, que lembra que “empezabamos ás 8 da mañá e rematabamos moitas veces ás 11 da noite. Pero creo que fixemos un bo traballo e eu, pase o que pase, estou satisfeita e moi orgullosa e tamén do equipo, porque traballou arreo, con moitísima ilusión e pasámolo moi ben”. Carmen García Mateo destaca que a campaña “foi desde o primeiro día intensa e moi enriquecedora, percorremos todos os centros, falamos con toda a comunidade e todo ese proceso enriqueceu o noso punto de partida e o noso programa e esperamos que falando cuns e cos outros, a xente confíe na nosa proposta”.

Animando a votar en Ourense nun día histórico

Tamén no campus de Ourense, ás 10.00 h os membros da comunidade universitaria comezaron pouco a pouco a depositar o seu voto nalgunha das urnas habilitadas en oito facultades e escolas. Están chamadas a participar nesta xornada electoral 5758 persoas: 4765 alumnas e alumnos de primeiro e segundo ciclo; 354 de terceiro ciclo; 219 PDI-A; 318 PDI-B e 102 PTXAS. Entre elas e eles están as persoas propostas para liderar a Vicerreitoría do campus de Ourense por cada unha das candidaturas: Francisco Javier Rodríguez Rajo, co equipo de Belén Rubio-H2040; e Montserrat Cruz, con Carmen García Mateo-Nós Universidade. 

Tras depositar o seu voto a primeira hora, Francisco Javier Rodríguez amosaba o seu desexo de que nesta segunda volta “haxa moita participación da comunidade universitaria, aínda que é un venres e boa parte do alumnado xa non está nas aulas”. Igualmente destacou que “agardamos que a xente se mobilice e veña a votar, xa que o que se decide é unha responsabilidade grande: o futuro para a nosa Universidade durante os próximos seis anos”. Desta cita electoral o candidato recalcou tamén o seu carácter histórico. “Hoxe é un día moi especial por que por primeira vez teremos na UVigo unha muller reitora e iso di moito e ben dos cambios que está habendo na sociedade”, subliñou. 

Pola súa banda, Montserrat Cruz destacaba o carácter excepcional da votación de hoxe, xa que, dixo, “nunca houbo unha segunda volta coma esta e non hai precedente para saber como vai a ser a resposta da xente, pero agardamos que sexa boa”. A candidata de Nós Universidade apuntou que a xornada “preséntase cando menos intensa” e dixo que agarda que “a xente se anime a votar e que vote o que queira e considere mellor para o futuro da Universidade”. Igualmente puxo en valor o feito de que será elixida a primeira reitora da UVigo e amosou o seu desexo de que “a Universidade de Vigo teña unha primeira gran reitora”. 

Chamamentos á participación, tamén en Pontevedra

No campus de Pontevedra, un total de 4205 membros da comunidade universitaria estaban chamados novamente a participar nesta segunda rolda das eleccións á Reitoría, nas sete mesas electorais despregadas nas sete facultades e escolas do campus. Nomeadamente, no campus poden exercer o seu dereito a voto 154 representantes do PDI-A, 211 integrantes do PDI-B, 3490 alumnas e alumnos de grao e mestrado, 258 estudantes de terceiro ciclo e 92 membros do PTXAS.

No caso das dúas aspirantes a situarse á fronte da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a ambas correspóndelles votar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o centro co censo máis numeroso do campus. A primeira en facelo foi Sara Domínguez, de H2040, que recoñecía afrontar “con ilusión” unha xornada tras a que “a Universidade de Vigo terá a súa primeira reitora” e na que agarda a maior participación posible, “porque ao final estase decidindo o futuro da nosa Universidade”, aínda que recoñecendo que “unha vez finalizadas as clases, supoñemos que a participación do alumnado será máis baixa que na anterior ocasión”. No referido ás súas expectativas nesta xornada, Domínguez Lloria sinala que “pasamos á segunda volta en segunda posición e iso tamén te incentiva un pouco a ver que pode pasar e se podemos acadar a primeira neste caso”. 

A candidata de Nós Universidade á vicerreitoría, Marián Fernández, corresponderalle votar ás 18.00 horas, coincidindo co peche das urnas, ao exercer novamente como interventora. “Hoxe é un contador que parte de cero”, recoñecía dunhas eleccións nas que “esperamos conseguir o mesmo apoio ou máis” que na primeira volta e que virán marcadas tamén “pola cantidade de persoas que veñan votar”, recoñecía. Nese senso, Fernández Villarino expresaba tamén o seu desexo da maior participación posible, xa que, “independentemente do que pase”, trátase de “elixir o goberno da Universidade para os próximos seis anos e é importante tomar unha decisión en base a dous proxectos diferentes”.