DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle o obradoiro Mindfulness no día a día

Contra a sobreestimulación tecnolóxica, atención plena

20 persoas aprenden nel a xestionar mellor as súas emocións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 09/04/2019

Entre a programación de obradoiros de extensión universitaria que este cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense está o de Mindfulness no día a día. 20 persoas achéganse a esta práctica, tamén chamada atención ou conciencia plena, co obxectivo último de controlar mellor as súas emocións na súa vida cotiá e “levar mellor a vida sobreestimulada que temos”, tal e como destacan os responsables da iniciativa.

A formación, que consta de 16 horas prácticas e 14 horas de sesións de traballo persoal, está dirixida e impartida por Stuart McNicholls, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense con formación como psicólogo e psicoterapeuta e 20 anos de prácticas de meditación de diferente tipo, nos últimos sete anos centradas no mindfulness no campo educativo en xeral e para adultos. Este obradoiro, comenta o seu responsable, arrancou no primeiro cuadrimestre deste curso académico dando continuidade ao obradoiro de Mindfulness e benestar que se viña impartindo desde o ano 2016 no campus de Ourense. “Segue sendo mindfulness pero introdúcense elementos diferenciados”, apunta o profesor.

Xestión das emocións e da comunicación

O programa do obradoiro, comentan desde a organización, foi deseñado para afondar con persoas adultas na práctica do mindfulness en relación “coas emocións, coa comunicación e co mundo no que vivimos, marcado pola tecnoloxía ou modernidade”. Trátase, engade Stuart McNicholls, dunha proposta que quere axudar “a levar mellor a saturación de estímulos” que reciben as persoas na súa vida diaria, incidindo especificamente na sobreestimulación a través das diferentes pantallas, como poden ser o teléfono móbil ou o ordenador. Correos electrónicos, redes sociais, etc, indica o profesor, fan que “case esteamos conectados 24 horas ao día e o mindfulness pode axudarnos a levar iso mellor, a ter momentos de paz nas nosas vidas nun mundo tan frenético”.

O mindfulness, explica Stuart McNicholls, “é como levar a atención ao noso interior, prestar atención á respiración, ao estado do corpo, aos sinais que nos vai dando”. Trátase, apunta, de “conectar co acontece dentro do meu corpo, escoitalo, ver como entra en reacción, como respira e a partir de aí responder máis calmadamente”. O obxectivo desta práctica, indica o profesor, é “xestionar mellor as emocións porque ás veces poden con nós e tamén xestionar mellor a comunicación entre as persoas e os conflitos”. Apuntando como “o mindfulness non é a solución para todo pero axúdanos a adestrar outros aspectos do noso ser, o emocional, e iso sempre vén ben”, o director do obradoiro indica que esta práctica está chamada a non ser unha moda e a quedarse, lembrando como “hai 20 ou 30 anos o ioga tamén era unha moda un pouco rara e agora está en todas partes”.

Neste marco de traballo o obradoiro que se imparte cada martes no campus de Ourense desde o pasado mes de febreiro e ata finais de abril combina teoría, prácticas grupais e prácticas individuais. “É unha mestura de práctica, teoría e conversa cos compañeiros”, sinala Stuart McNicholls. Sobre o perfil das e dos inscritos indica que é moi diverso, abranguendo tanto membros da comunidade universidade como persoas alleas a ela. Igualmente, engade, é diverso en idades e ocupacións, habendo desde estudantes ata profesionais. Entre estes colectivos o profesor apunta especialmente a importancia de fomentar esta práctica entre os máis novos e novas, recalcando como na súa formación “non só é importante sacar boas notas e abordar contidos cognitivos”, “tamén é importante adestrar outros aspectos do ser humano, como os emocionais”.