DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres asinouse un convenio entre a entidade e a Universidade

A Sociedade Galega de Historia Natural súmase ao Green Campus

As dúas institucións queren incentivar a colaboración mutua

Etiquetas
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/07/2018

Este venres representantes do campus de Pontevedra e da Sociedade Galega de Historia Natural asinaron un convenio que permitirá incentivar a colaboración que xa viñan mantendo as dúas institucións. Entre outras medidas acordadas está a incorporación da Sociedade Galega de Historia Natural ao comité ambiental do Green Campus de Pontevedra, responsable da aprobación e seguimento dos seus plans de acción.

A sinatura do convenio de colaboración tivo lugar na Casa das Campás contando coa asistencia de Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, e Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal. Segundo explicaron os promotores da iniciativa, a posta en marcha deste convenio xorde da colaboración xa existente entre as entidades implicadas, tendo xa cooperado por exemplo na organización a principios de 2018 da I Xornada Galega de Patrimonio Natural de Biodiversidade, que tivo lugar na Escola de Enxeñaría Forestal. 

Coa sinatura deste venres, detallan, esta colaboración queda materializada nun convenio non que ambas entidades manifestan o seu interese en realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese mutuo. Entre eles cítase o desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o apoio a persoal investigador e alumnado e o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de materiais académicos.